Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Manuel Antonio en Vigo

Manuel Antonio viviu en Vigo durante os seus anos como alumno da Escola de Náutica. Tras rematar o bacharelato no Instituto General y Técnico de Santiago, no mes de setembro de 1920 trasladouse a Vigo para examinarse de tres materias dos estudos de piloto da Mariña Mercante, mais non sería até abril de 1921 cando se instalaría nunha fonda do Paseo de Afonso 15 e cursaría a solicitude de matrícula na Escola de Náutica de Vigo na ensinanza non oficial. Non hai dúbida, que dende entón Manuel Antonio ruaría pola medula do Vigo novo, a que vai do paseo da nosa oliveira, onde se goza de toda paisaxe sobre as Cíes ("o vento da Ría, vai virando a folla de cada emoción", deixou escrito en "Adeus"), até o comezo da rúa García Barbón, onde se construíu a Escola de Artes Oficios, o emblemático edificio deseñado por Pacewicz (1900), no que en 1915 se creou esta escola de formación de mariños, no marco das disciplinas industriais.

Anos de entusiasmo que deixaron profunda pegada na obra do poeta piloto de xeito que "Manuel Antonio é Vigo" até tal condición que, como sinalou X.L. Méndez Ferrín hai ben pouco nestas páxinas de Faro de Vigo, "non habería Manuel Antonio se en Galicia non houbese Vigo". Pegada que Ferrín identifica en "De catro a catro" (Nós, 1928) polo feito incuestionable de que Vigo é o único topónimo citado no libro: "Vigo está tan lonxe / que se desorientaron as cartas mariñas", dous versos do poema "Lecer", no que recolle a experiencia dunha encalmada no pailobote "Constantino Candeira", onde a partir de febreiro de 1926 fixo os seus cento tres días primeiros de navegación. Pegada que Ferrín atopa tamén no noveno poema de libro tan decisivo para a poesía galega, "Navy Bar", unha clara referencia ao vigués Bar Comercio (daquela "Commerce Bar"), situado entre a rúa Castelar e as Avenidas (hoxe "Cervecería El Puerto") que Manuel Antonio debía frecuentar. Bar vigués ("encrucillada de estrelas apagadas") onde probablemente escribiu os famosos versos ("E tatexan as pipas / co ademán políglota das bandeiras") incitado polo vidro do escaparate da consignataria de Bonifacio Logares onde se podían ler os nomes e as bandeiras de diversas compañías de navegación que operaban no porto.

Cosmopolitismo, representado por estas iconas náuticas, que para o profesor Xosé Ramón Pena, outro dos mellores coñecedores da obra do poeta da vangarda galega, achega a Manuel Antonio co espírito do blues de preguerra. Como salienta o académico Xosé Luís Axeitos, primeiro estudoso da obra e da vida do poeta, autor da biografía documental e referencial "Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía" (Xerais, 2017), Manuel Antonio non perdeu o tempo durante a súa estadía en Vigo para despregar un intenso labor político como membro da Mocedade Galeguista de Vigo, e como tal participando na III Asemblea Nacionalista celebrada en Vigo no mes de abril de 1921, así como na creación en 1923 da Irmandade Nacionalista Galega de Vigo. De inequívoca fe política nacionalista, o rianxeiro incorporouse á tertulia do Café Derby promovida polos círculos periodísticos galeguistas de Vigo, na que participaban, entre outros, Valentín Paz Andrade, Roberto Blanco Torres, Manuel Lustres Rivas, Rafael Dieste, Carlos Maside, Francisco L. Bernárdez, Felipe Fernández Armesto, que lle facilitarían a posibilidade de publicar varios poemas e artigos no xornal vigués "Galicia".

Compromiso político expresado pola súa participación nos diversos capítulos do chamado "conflito pola bandeira", no que os militantes galeguistas vigueses reclamaban ao concello de Vigo, como xa sucedía na Coruña, que o Día da Patria Galega ondease no seu balcón a bandeira galega. Conflito que levaría en 1921 a Manuel Antonio e Xavier Soto a asinar unha folla voandeira titulada "Terra ceibe!", non dubidando así en singularizarse na defensa da bandeira.

Para Manuel Antonio, Vigo foi tamén o porto por excelencia de todas as súas travesías como piloto, primeiro no "Constatino Candeira", o pailebote de Camposancos (con folio vigués) de tres paus e nove tripulantes ("A noiva goleta / enloitada de branco") que transportaba madeira a portos do Mediterráneo, do que era capitán Augusto, o irmán do xornalista Manuel Lustres Rivas. O porto de Vigo tamén foi o de recalada do vapor holandés "Gelria", onde en 1928 realizou como alumno en prácticas tres viaxes transatlánticas, que lle permitiron coñecer Bos Aires e Río de Janeiro. Como en Vigo estaba inscrito o "Arosa", o buque da Pesquera Vasco Gallega con base no porto de Cádiz onde no verán de 1929, xa doente de morte, faría durante cento catorce días oito mareas nos caladoiros do norte de África.

O poeta Manuel Antonio deixou en Vigo un ronsel aínda non recoñecido Canto haberá que agardar para que o seu nome forme parte do rueiro do porto vigués?

stylename="070_TXT_inf_01"> bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats