A todos fire a imaxe manchada de sangue da Rambla de Barcelona, Rambla das Flores. Unha vía de color, de paz, de vida, fermosa coma poucas. Vía de lecer, de tránsito alegre e tranquilo de persoas de todos os países e culturas, chea de luz, de beleza, convertida agora, da man do fanatismo, en icona do terror, do medo escenificado na morte de inocentes.

Coma outras cidades europeas: París, Bruxelas, Berlín, Londres, Niza..., foi Barcelona utilizada o 17 de agosto como campo de batalla do mal. Mal envolto en manto relixioso, pero mal, ao fin, que evidencia, unha vez máis, a inutilidade da morte sen sentido. Catro días despois da traxedia, en Subirats, os Mossos, tras cercalo, abaten o autor material do atropelo mortal e, pouco máis tarde, comeza a circular nas redes unha frase escrita sobre unha foto deles uniformados, en formación, que, talvez da súa autoría, dicía textualmente: "Perdoar os terroristas é cousa de Deus... de mandarllos encargámonos os mossos". Preocupante filosofía de actuación.

Outra morte máis, inútil tamén porque, tal como se produciu, parece que era evitable. Bastaba con cercar o autor do masacre, Younes Abouyaaqoub, condutor da furgoneta que matou 14 persoas e deixou feridas máis dun cento, e detelo poñéndoo a disposición da Xustiza para que esta fixese o seu labor. Labor que quedou impedido. Igual ca cos outros catro, tamén abatidos. Os profesionais da seguridade pública, precisamente por iso, por profesionais e por servidores públicos, máis que actuar como francotiradores deben proceder con intelixencia para evitar os actos terroristas e a morte de inocentes; pero tamén a morte de posibles criminais ou asasinos. Antes de matar hai que esgotar todas as posibilidades, contribuíndo así a que a verdade non sexa só verdade policial.

A cadea de erros foi grande, ata o punto de pensar que era posible impedir os atentados: fallo dos Mossos para detectar a célula xihadista na casa de Alcanar, obstáculos aos Tedax para inspeccionala, interpretación equivocada das causas da explosión, ignorancia de que se estaba preparando un ataque terrorista, defectuoso despregamento policial despois do atentado (facilitou a fuxida do condutor da furgoneta), falta de vixilancia sobre o imán de Ripoll que adoutrinou os mozos, descoordinación policial, oídos xordos á recomendación de poñer bolardos en lugares sensibles ... todo un cúmulo de fallos sobre os que cabe unha detida reflexión.

Mentres a alcaldesa de Barcelona e outros mandatarios se apresuran agora a poñer bolardos en determinadas vías públicas, afloran ataques violentos contra mesquitas e musulmáns, agresións verbais, pintadas ameazantes, pancartas e mensaxes de odio contra a comunidade islámica nunha espiral de intolerancia que non fai máis que alimentar a confrontación entre culturas e a xenofobia. Bolardos doutro tipo, ademais dos físicos, son os precisos para combater o terrorismo. Bolardos contra a islamofobia, o odio e a exclusión. Bolardos para a integración, igualdade, paz, unidade, educación, tolerancia, multiculturalismo e respecto á diferencia. Bolardos para darnos a man, como na marcha de Barcelona do día 26 de agosto baixo o lema "No tinc por".

Coma no silencio convertido en berro contra o terrorismo que se apoderou da praza de Cataluña ese día. Silencio para expresar a unión coa dor das vítimas e o desexo de fraternidade, no momento en que sonou "El Cant dels Ocells", de Pau Casals. Bolardos para vencer o terrorismo coa convivencia pacífica na diversidade, coa solidariedade e fronte ao comercio de armas e o intervencionismo militar. Bolardos para acabar co fanatismo.

* Veciño da Estrada.