Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

O protocolo na Festa da Ameixa

Ante as declaración realizadas por parte da organización da Festa da Ameixa responsabilizándome a min persoalmente dos fallos de Protocolo no acto oficial de entrega de distincións e tras non existir rectificación posterior algunha, véxome na obriga de desmentir unhas declaracións que atentan gravemente contra a miña profesionalidade, de sobra demostrada durante os 13 anos que levo colaborando desinteresadamente coa Orde da Ameixa.

En primeiro lugar, sinalar que o único fallo de protocolo que houbo no acto da Orde da Ameixa foi provocado pola propia organización e, polo tanto, son eles os únicos responsables.

A miña labor na organización deste acto consistiu na elaboración do cronograma do mesmo con base nas normas xerais de Protocolo. Este cronograma foi elaborado nos días anteriores ao acto, segundo a organización me ía remitindo os datos dos premiados e autoridades que confirmaban asistencia, e sempre consensuado e confirmado pola organización, como se pode constatar polos correos electrónicos remitidos.

A acta na que figuran os méritos dos premiados nesta edición pola Orde da Ameixa nunca me foi entregada, nunca pasou polas miñas mans. Foi a propia secretaria da agrupación de parquistas a que, 15 minutos antes de iniciarse o acto, lla entregou ao presentador por orde do señor Villanueva. Nas edicións anteriores era o secretario da Orde quen lía a acta durante o acto oficial. Descoñezo as razóns deste cambio.

O único que me consta é o malestar de José Luis Villanueva que, no último minuto tratou de romper o protocolo e infrinxir os propios estatutos da Orde da Ameixa, para ser el quen pechase o acto, querendo intervir despois do alcalde. Segundo as normas protocolarias, o acto oficial debe clausuralo a máxima autoridade presente. Os estatutos da Orde da Ameixa establecen como máxima autoridade ao Gran Mestre da Orde, cargo que recae no presidente da Xunta, ou en quen el delegue. O segundo lugar correspóndelle ao Cultivador Maior, que é o alcalde de Vilagarcía. Neste caso, dado que nin o presidente da Xunta asistiu nin delegou a súa representatividade, a honra de pechar o acto recae no Cultivador Maior.

Así figuraba no cronograma do que a organización tiña coñecemento. Foi cando xa estaba a intervir o alcalde cando, primeiro por teléfono o patrón maior e presidente dos Parquistas, José Luis Villanueva, e despois en persoa a secretaria dos parquistas, se dirixiron a min insistentemente para que ao rematar o alcalde dese paso á intervención do patrón maior, algo ao que me neguei porque incumple o que figura nos estatutos da propia Orde da Ameixa.

Por último, quixera destacar que a única finalidade deste desmentido e destas aclaracións é disipar calquera dúbida sobre a miña profesionalidade e que son totalmente alleo a outro tipo de desencontros entre os organismos implicados directa ou indirectamente na celebración da Festa da Ameixa.

*José Ramón Reirís Pérez é responsable de Protocolo no Concello de Vilagarcía.

Compartir el artículo

stats