Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Historia e Enxeñería

As pontes sobre o río Miño

A historia dun territorio ten moito que ver coa das súas pontes. Iso lle contaba ao equipo da Televisión galega, a TVG, cando a través do amigo e profesor Afonso Vázquez-Monxardín, convidáronme a facer un percorrido por estas sempre impresionantes obras de enxeñería sobre o río Miño. Foi con motivo das festas maiores do barrio da Ponte, populoso e cunha fortísima personalidade, debido a que ata o ano 1943 formou parte do Concello de Canedo, anexionado ao de Ourense nese mesmo ano.

Unha calurosa mañá de xullo fixemos a ruta entre o viaducto do ferrocarril e a ponte do Ribeiriño, visitando ademais a Vella, a Nova e a do Milenio, as cinco que seleccionei para contarlle aos telespectadores a relación da nosa cidade co Miño, que non sempre transcorreu, serva o símil, polos mellores cauces posibles. Porque o río íntimamente relacionado coas vivencias da cidade ourensana dende os inicios non foi este, senon o Barbaña, que transcorre ao pé das Burgas. Non sería ata a década de 2000 cando se integraron as ribeiras para o uso cidadán, coa apertura do Paseo do Miño, que se completou polas dúas beiras dende a construción da pasarela de Outariz, rematada en 2006, posibilitando un paseo circular de case 15 km a través da presa de Velle. Ben é certo que o Miño sempre estuvo aí. Aínda que a súa auga proporcionaba peixe e os coiñais eran zona de aprovisionamiento para materias de construción, especialmente para muros de fincas e pavimentos de rúas e prazas, as súas enchentas constituían un perigo e o caudal, aínda en estado normal, era un obstáculo que había que salvar.

Algúns investigadores incluso explican a orixe da cidade en relación coa construcción dunha ponte romana. Así o manifestaba X. Ferro Couselo ou o mantén na actualidade J.C. Rivas. Nos sen embargo, desenvolvendo as teorías de F. Cuevillas, pensamos que se ben a construción da ponte foi un factor moi importante, a causa fundamental do asentamento foron as augas sagradas das Burgas. Esto, sen embargo, non lle resta un ápice de valor á impresionante infraestrutura que tamén caracteriza á nosa cidade.

Para coñecer as pontes de Ourense non contamos con moitos estudios específicos, pero aos que queiran adentrarse neste tema recomendariamos os titulados Pontes históricas de Galicia, dos enxeñeiros Segundo Alvarado, Manuel Durán e Carlos Nárdiz, o Roteiro das pontes de Ourense, de Afonso Vázquez-Monxardín e Segundo Alvarado ou, o máis recente A Ponte Maior. La razón de ser de una ciudad: el puente romano-medieval de Ourense, de Juan Carlos Rivas.

E sen máis preámbulos, comezamos a ruta aos pés da "Ponte Maior", que pasou a denominarse Ponte Vella unha vez que se inaugurou a Ponte Nova. É Monumento Histórico dende 1961, hoxe con categoría de Ben de Interese Cultural e maioritariamente coñecida como Ponte Romana. O seu aspecto actual, cun perfil fortemente alombado, é froito da reconstrucción feita polo mestre Melchor de Velasco no século XVII.

Sen embargo nas bases dos piares vense moitos sillares almofadados, moi característicos na obra pública romana. Non é fácil datar a ponte daqueles tempos. Ben é certo que a tradición atribúeo á época do emperador Traxano (98 d. C. - 118 d. C.); Juan Carlos Rivas o remonta á época de Augusto, entre os anos 20 e 25 a. C.; Segundo Alvarado fala dunha primera construcción no s. I d. C. e unha reconstrucción no s. III d.C., en tempos de Septimio Severo, Caracalla e Xeta; Santiado Ferrer e Antonio R. Colmenero atribúen a edificación aos tempos de Caracalla. En todo caso, sería necesario acometer un proxecto arqueolóxico específico para esta ponte que axudase a afinar as datas de edificación. O que si é certo é que xa na época romana o val de Ourense era un nó de comunicacións de primeira orde para o noroeste peninsular. E sería desexable para a cidade que o seguira sendo no futuro.

Despois da etapa romana experimentou varias reconstrucións debido á inestabilidade, sobre todo do arco central, que ten unha luz de 43 m. Quizá a máis coñecida sexa a do bispo Lorenzo, no s. XIII e a definitiva de Melchor de Velasco, cuxo contrato de reparación data do ano 1667. Na actualidade conserva sete arcos dos once orixinais. Os desaparecidos pertencían a outra estrutura contigua, a "Ponte Pequena" situada cara á rúa do Progreso, que foi demolida no ano 1874.

A forma tamén cambiou co paso dos séculos, posto que chegou a ter torres defensivas entre os séculos XVI e o XIX, como aparece representada na heráldica do escudo municipal.

Tiveron que pasar case dous milenios para que o Ourense actual contase cunha nova ponte, a "Ponte Nova". E digo o de actual porque, lembren, a principios do s. XIX o barrio e contorna da Ponte era termo municipal de Canedo. Facíase necesaria unha nova conexión coa próspera zona nacía ao redor da estación do ferrocarril, que naquel entón e dende o ano 1885 emprazábase xunto ao actual edificio da "Escuela Normal" e o Instituto de Ensino Secundario "12 de Outubro". Na praza General Moscardó aínda se conserva un semáforo ferroviario.

Formou parte das infraestruturas da nova estrada entre o Campo de San Lázaro -actual parque do mesmo nome- e a estación ferroviaria, xestións iniciadas no ano 1895. Despois de varias solicitudes por parte do Concello de Ourense ás Cortes Generales nos anos 1908 e 1909, a ponte comézase a construir en 1911 baixo a dirección do enxeñeiro redactor do proxecto, Martín Díaz de la Banda, se ben non se rematará ata os inicios do verán de 1918, baixo a dirección de Miguel Fernández García. Fíxense que o ano que ven a Ponte Nova cumpre 100 anos.

Ten estética modernista. A estrutura está formada por seis arcos de medio punto de sillería e un de ferro feito nos "Talleres de Zorroza" de Bilbao, cunha luz de 74 m. Os sillares de granito de Outariz foron coidadosamente labrados por canteiros pontevedreses de Cotobade, incluíndo un friso de palmetas modernistas e unhas composicións cos elementos profesionais propios dos Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos: a áncora, a ponte e as ramas de palma e de carballo. Completaba a composición o mobiliario urbano con farolas de fundición dos madrileños Talleres Iglesias.

O efecto desta ponte no urbanismo da cidade foi esencial, porque permitíu estirar a cidade cara o norte, contribuíndo a crear o actual centro agrandado coa rúa Curros Enríquez e potenciando máis a contorna do parque de San Lázaro.

Cronolóxicamente a terceira ponte sobre o Miño é o "Viaducto" do ferrocarril, se ben esta é para uso exclusivo do tráfico ferroviario. Foi inaugurada no ano 1957, xunto coa estación Ourense-Empalme. Houbo que agardar ata estas datas para que o tren cruzase o Miño na cidade porque os primeiros convois chegaban dende Vigo. O inaugural fixoo no ano 1881, e a estación estaba no actual parque ou praza do Ribeiriño. Como vimos, dende 1885 a estación trasladouse á zona da "Escola Normal". Coa construción do tramo Puebla de Sanabria-Ourense da liña Zamora-Vigo edificouse a estación actual e o viaducto. O primeiro proxecto foi redactado polo enxeñeiro Jose Luis Tovar Bisbal entre 1933 e 1943, que tamén deseña a estación Ourense-Empalme. A obra foi rematada no ano 1948, aínda que non se inaugurou, xunto coa estación, ata 1957.

É unha obra formidable de formigón. Presenta tres arcos-bóvedas centrais e once laterais, seis pola zona das Lagoas e cinco na ribeira oposta. Os centrais teñen unha luz de 62 m e uns 60 m de altura. O viaducto ten unha lonxitude que se aproxima aos 400 m e compleméntase con outro máis pequeno, o das Lagoas, situado uns 70 m ao leste do principal, e que agora non vamos tratar.

Na década de 1970 as aforas occidentais da cidade equípanse cunha nova ponte, a denominada "Ponte do Ribeiriño" ou "Ponte Novísima". Aínda que no ano 1966 xa está rematada, non entra en uso ata 1971, coa posta en funcionamento dos Accesos a Galicia e a apertura da circunvalación oeste de Ourense da estrada N-525 Vigo-Madrid. É unha obra de 240 m de lonxitude, con dous arcos-bóvedas de formigón paralelos de 60 m de luz. Nos laterais conta con oito vans, seis na zona do Couto e dous nas proximidades da Chavasqueira. Aínda que nas últimas décadas foi engulida polo crecemento urbano, quizá sexa a menos utilizada peonilmente.

Finalmente, a "Ponte do Milenio", inaugurada no ano 2001. A súa función é conectar o centro urbano a través do Campo dos Remedios coa devandita circunvalación oeste. Ten un deseño totalmente diferente aos anteriores, no que a cuestión estética engádese á funcional. Seguramente porque é froito da colaboración do enxeñeiro Juan Calvo cun arquitecto, Álvaro Varela. Ao taboleiro que acolle o tráfico rodado e peonil, adintelado e con trazado en curva, engádese unha pasarela de perfil ondulado e formas tamén curvas que lembra unha gaivota. Dotada de cen chanzos, elévase máis de 20 m sobre o perfil, dando a impresión que nas parte máis baixa case podemos achegarnos ás augas do Miño.

As formas tan distintas das pontes anteriores, con predominio das ondulacións e dos tramos curvos, non deixou indiferentes aos ourensáns, que nalgúns casos chegouse a tomar como símbolo de progreso, incluso sustituíndo á Ponte Maior como identificador da cidade de Ourense por parte dalgúns colectivos e asociacións.

Como puideron ver, as pontes están íntimamente ligadas á historia da cidade. Aparecen nos seus inicios e a súa edificación foi a resposta á necesidade de cruzar o Miño por distintos puntos a medida que a cidade ou as comunicacións a longa distancia o ían precisando, motivos que tiveron enorme incidencia e efectos na configuración da cidade ata chegar a forma con que agora a coñecemos.

(*) Arqueólogo municipal de Ourense.

Compartir el artículo

stats