Agradoume que o bando da Paz acordase en Venezuela activar a lei que faculta o presidente da República para convocar unha asemblea refundadora da Constitución. Digo que as constitucións non son libros talmúdicos e que elas son trasformadas, e mesmo radicalmente, cando as circunstancias dos intereses das maiorías populares o dictan. Ver de novo no palacio do poder lexislativo de Venezuela os retratos de Bolívar e Chávez que a dereita proimperial mandara aos faiados é acto cargado de sentido. Sentaron na Constituínte aqueles que non van permitir que o petróleo, o gas, o ouro e as restantes e incomensurabeis riquezas naturais de Venezuela pasen do poder do pobo ao das compañías privadas e nomeadamente norteamericanas.

A deconstrucción de Libia, que diu lugar a autarquías petroleiras nas que rexen tantos poderes neofeudais como compañías habilitadas polo Imperio, non vai ser reeditada en Venezuela. Alegrou ver alí, na Asemblea, que a gramalleira varón/muller das nosas organizacións de avanzada se multiplicou para facer visibeis grupos de seres humanos antano ocultados. Estaban os eivados nas cadeiras de rodas; os obreiros, os campesiños, os burgueses nacionais conforme Mao quería que fose; os intelectuais e os estudantes dun e outro sexo.

Conmoveunos a presencia de representantes das nacións orixinarias. Vin xentes dos partidos menores que apoian o bolivarismo gubernamental. Estaban na Asemblea Nacional Constituinte anciáns que coñeceran o horror de Pérez Jiménez e a corrupción e mediocridade de adecos e copeyanos. Pola cúpula do salón elíptico parecía voar a pantasma alegre de don Rómulo Gallegos. Tanta diversidade na unidade é o chavismo. Mesmo gostei de que un xesuíta, o Padre Numa, nun estilo preciso e ignaciano, sen unha vacilación ou anacoluto, dese beizón á Asemblea no nome dun Deus currosiano que nada tén que ver coas cavernas vaticanas (no interior das cales hoxe loitan de novo hostes contrapostas de anxos) nin cos infernos almorábides. Si: o Padre Numa confluiu coa sensibilidade deíste e masónica que movera aquel soño político de Simón Bolívar que a teoloxía da liberación distingue hogano co seu respecto. Óptimo castelán, o do P. Numa; nunca inferior o da oradora principal no acto de apertura da Constituínte doutora Delcy Rodríguez.

Esta muller, escandalosamente mestiza para o Calvosotelismo español, pronunciou un discurso de apertura da Asemblea Nacional Constituínte de Venezuela que supuxo un modelo de lingua e estilo que debería ser obxecto de estudo por parte dos máis dos políticos en exercicio na cámara e na baixa cámara de Madrid, victimas, en xeral patéticas, das ocorrencias dos seus guionistas na sombra. Xurista e coñecedora até a exhaustividade do pormiúdo político internacional e do interno de Venezuela, Delcy Rodríguez, nunha lingua rica e nobre, chamoulles ás cousas cos seus nomes: ergueita en vilo ela polos sufraxios de máis de oito millóns de demócratas venezolanos.