A Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Parlamento de Galicia e Foro E. Peinador veñen de convocar a XXIV edición dos premios para fomentar o uso da lingua galega na publicidade. Concederanse catro premios, un por cada unhas das seguintes categorías, segundo o medio de difusión: radio, televisión, internet e prensa escrita. Así mesmo establécense dúas modalidades de premios para cada categoría, de xeito que, polos traballos que resulten galardoados, recibirán cadanseu premio tanto a empresa anunciante como a axencia de publicidade que desenvolveu técnicamente o traballo publicitario.

Nunha colaboración anterior, publicada neste xornal, falabamos do valor estratéxico que para a empresa ten incardinarse na cultura dos traballadores e consumidores. Nin que dicir ten que a lingua é a mellor maneira de certificar a denominación de oríxe dos produtos nos mercados internacionais. Unha filosofía empresarial que aínda encontra resistencias en moitos directivos que non consideran a lingua galega apta para os seus negocios.

O debate xa é vello. Chama a atención a lucidez da proposta do discurso expresada en 1917 no xornal "A Nosa Terra", que se manifestaba así, e que ten vixencia actualmente: "O galego como factor puramente literario non resolve hoxe gran cousa. O galego podería ser un instrumento útil de progreso ao servizo dos nosos grandes factores da evolución económica moderna; inspirado só no ideal estéril da obra de arte ficaría no máis completo ridículo. O galego terá que ser un medio de progreso ou non será nada. A humanidade xa non se rexe con siloxismos e redondillas; a literatura e a arte en xeral, veñen logo como corolario".

En 1969, a revista "Chan", dirixida polo xornalista Raimundo García, "Borobó", que se preocupou en máis dunha ocasión de aleccionar aos empresarios sobre a oportunidade do uso da lingua galega na publicidade, facía referencia ao Informe Gaur da Universidade do País Vasco que combatía o discurso conservacionista da lingua desta maneira: "O idioma evoluciona na súa utilización, mellorando nun mundo de necesidades e de cambios, adaptándose a eles, servindo na actuación sobre eles, desenvolvéndose. O idioma non se conserva. Utilízase. Desenvólvese. En realidade nada se conserva. Incluso aquello que se conserva en latas remata por comerse ou pudrirse".

Recentemente Xosé Luís Méndez referíase a este asunto coa lucidez que o caracteriza, e contaba a importancia do uso que fai del Abanca, unha entidade financieira de forte implantación en Galicia, ao afirmar que: "Abanca fai máis gasto de propaganda en galego nun día que todas as antigas caixas de aforro fixeron en toda a súa existencia". Nunha conversa que hai ben pouco tempo tivemos con Juan Carlos Escotet, o seu presidente, trasladamolle os parabéns do Foro E. Peinador. A estratexia de comunicación de Abanca é un exemplo para o empresariado galego que debería imitar.

Cómpre salientar que na historia da economía galega temos algúns exemplos de potentes empresas que en tempos ben difíciles apostaron pola lingua galega na publicidade. Zeltía, por exemplo, editou o "Calendario ZZ" íntegramente en galego. Esta publicación, cun alto valor formativo, con dúas edicións anuais tiña unha tirada de trescentos cincuenta mil exemplares; gozou de gran prestixio e respecto dos labregos durante as décadas dos cincuenta deica aos finais do setenta cando se deixou de editar. Anteriormente, no primeiro terzo do século vinte Augas de Mondariz facía tamén publicidade das súas marcas no noso idioma.

Mudar ese hábito empresarial é unha tarefa na que o Foro E. Peinador pon o seu empeño en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Non existe ningún estudo de mercado que indique que a publicidade en galego sexa contraria aos intereses Empresariais. A explicación deses prexuizos lingüísticos radica nos cadros directivos das empresas e nos creativos da publicidade que aconsellan aos seus clientes a facela en castelán. Boa culpa disto téna o sistema universitario galego, público ou privado. Porque no canto de incentivaren módulos formativos que propiecen unha nova mentalidade arredor do reencontro entre a cultura e a identidade, fan todo o contrario: infravalorar a lingua galega como un código de comunicación e negar os dereitos lingüísticos dos traballadores e consumidores. Velaí o reto que deberían afrontar os equipos directivos das facultades de económicas e empresariais, escolas de publicidade e dirección de empresas. O Foro E. Peinador ten insistido moitas veces sobre este asunto, e seguirao a facer.

*Presidente do Foro E. Peinador