Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

A Campá de Huesca

Ao morrer Afonso I de Aragón sen descendencia, no ano 1.134, as Cortes elixen rei o seu irmán Ramiro II o Monxe. Parte da nobreza rexéitao e rebélase, negándolle axuda cando se declara a guerra con Navarra, polo que tivo que recorrer a Afonso VII de Castela. Para vingarse, convocou cortes en Huesca aducindo a idea de fundir unha campá que soase en todo o reino. Mandou que comparecesen os nobres rebeldes co pretexto de mostrarlles o proxecto e, ao entrar, un a un, no soto do pazo real, un verdugo íalles cortando a cabeza. Logo formou con todas unha campá, coa do nobre principal no centro, a modo de badalo. E así soou en todo o reino a que pasou á historia co nome de a "Campá de Huesca".

Constantemente, no noso país, a corrupción ocupa as primeiras páxinas dos medios, con situacións tan escandalosas que deben obrigarnos a pensar fórmulas de control social das institucións e os representantes públicos. Dous ex-presidentes de CC.AA, Pujol e Matas, sentaron no banco dos acusados. Jaume Matas, polo caso Nóos, recoñecendo que, sendo presidente de Baleares, deu orde aos seus subordinados para efectuar pagos a Iñaki Urdangarín por servizos non prestados. Jordi Pujol, ante a Audiencia Nacional, pola orixe da súa fortuna en Andorra, probablemente ligada á corrupción política, ou á descapitalización de Banca Catalá. Igualmente o seu primoxénito, investigado por branqueo e pola percepción de comisións ilegais a cambio de adxudicacións de obra pública. Tamén Chaves e Griñán, polos ERE de Andalucía.

Na Comunidade Valenciana, unha trama de corrupción do PP implicou a Alfonso Rus, ex-presidente da Deputación de Valencia; o caso Imelsa salpicou a ex-membros do Goberno por contratos de traballos ficticios; e unha rede que recorría a cargos públicos e traballadores para branquear diñeiro, apuntou, no seu momento, a Rita Barberá. O xuíz imputou a todos os seus concelleiros e ao vicealcalde. No caso Ritaleaks, Anticorrupción viu delito no pago duns 300.000 euros en comidas e hoteis, con cargo ao concello. Pero o PP, protexéndoa, rematou por designala membro da Deputación Permanente do Senado, para que seguise aforada de repetirse eleccións. O mesmo ocorreu con Gómez de la Serna, que foi nomeado suplente na Deputación Permanente do Congreso, despois de difundirse as gravacións do cobro de comisións irregulares; polo que non puido ser chamado a declarar.

En Madrid, a Garda Civil rexistrou a sede dos populares buscando probas de financiamento irregular. Entre outros, afectou a Beltrán Gutiérrez, ex-xerente do PP de Madrid e home de confianza de Aguirre, provocando a dimisión desta como presidenta do seu partido na comunidade. O caso Acuamed implicou o subsecretario de Presidencia e a directora xeral da Auga, existindo unha rede de malversadores, fraude nas certificacións de obras, portas xiratorias, sobrecustos, ignorancia de denuncias, etc. Apuntando tamén a Arias Cañete por unha compensación con fondos públicos.

Bárcenas, Blesa, Rato, Gürtel, Brugal, Púnica, black, os ERE, etc., son parte dunha longa serie de casos que requiren no noso reino unha nova "Campá de Huesca" para cortar, mediante o machado do noso voto, as cabezas da "nobreza" política corrupta.

De todos os elementos de control social sobre os políticos e as institucións, o voto responsable é importante. Pero tal vez o sexan máis unhas boas leis anticorrupción, acabar con aforamentos e privilexios, e facer os cidadáns testemuñas do que se di, se contrata, se negocia, se pacta e se fai, dándonos oportunidade de participar, de aceptar ou rexeitar, e de poder exercer un control sobre os representantes públicos.

*Veciño da Estrada.

Compartir el artículo

stats