Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Saúdo á ikurriña

Vostedes lembran aquela serie esperpéntica de televexo que se titulaba Littel Britain ou algo así? Aparecía un fulano vestido de muller inglesa racista e xenófoba. Cando se pronunciaba a palabra "China", ou "chinés", ela trousaba pola boca caldeiros de vómitos multicolor.

Un noxo. Hai hoxe en España xentes así. Pero non choran cando lles mencionan a colonia norteamericana de Puerto Rico e os padecementos da cultura española naquela illa nin do mal que o pasan os saharauis ocupados por Marrocos para seguiren estudando o castelán. Non, a eles córtaselle a dixestión ao miraren unha bandeira vasca no corredor do concello de Pamplona.

O caso é que a ikurriña é unha enseña nacional moi recente. Deseñouna Sabino Arana máis ou menos ao mesmo tempo que Rizal propugnaba a independencia de Filipinas e José Martí a de Cuba. Tardaron en producirse estas e Puerto Rico e mais Guam quedaron para todos os séculos futuros en mans dos EE UU sen que o españolismo demostrase sentir pena ningunha. "Navarra non é nin foi nunca vasca", din eles sen saber que o vello reino de tal nome floreceu e foi grande antes ca Castela.

Navarra foi un reino creado por vascos que se expandiu ao Norte e ao Sul dos Pireneus. Era tan vasca Navarra e tan influínte na Península cristián, que todas as linguas románicas en presenza (galego, leonés, aragonés, castelán, catalán) escolleron a palabra eskerra, modulándoa cada unha ao seu xeito, por influencia cultural de Navarra. A onomástica persoal vasca púxose de moda na Idade Media en todo o que non fose Al-Ándalus. Non se lembran de que o máis infortunado dos reis de Europa, que foi don García de Galicia, levaba un nome vasco posto en circulación nas elites medievais polo prestixio do reino de Navarra?

En todo caso, o nacionalismo principalmente fundado por Sabino Arana, considerou, e segue a considerar que o País Vasco actual comprende os territorios históricos de Álava, Guipúzcoa, Biscaia, Navarra, Baixa Navarra, Laburdi e Zuberoa. Eles encóntranse dentro dos estados franceses e español. A súa lingua é o vasco, bandeira común é a ikurriña e, o nome da nación non unificada, Euskadi ou Euskal-herría. Se isto non se acepta haberá conflicto polos séculos dos séculos.

Eu vexo o españolismo moi alporizado e non dou comprendido por que a lingua bérbere do Rif non é oficial en Melilla. É tan difícil de comprender que no mundo existen nacións diferentes e que teñen dereito a escoller o seu destino no discurrir histórico e que todos os meus lectores asistiron á independencia de bon número de novos países que antes depedían de outros e nunca se afundiu o mundo por iso?

Compartir el artículo

stats