Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

A candidatura de Cíes

Un proxecto estratéxico para o Vigo metropolitano

"Nas illas Cíes está o paraíso". Unha frase inesquecible para min que repetía a nosa veciña Angelita que, hai cincuenta anos, acampaba todas as fins de semana do verán en Cíes. Angelita e o seu home, Ángel, traballador da conserva, formaban parte daquel grupo de campistas vigueses, auténticos pioneiros, que comezaron a poñer en valor as illas de Monteagudo, Faro e San Martiño como o primeiro tesouro natural da ría de Vigo. Campistas dos anos sesenta, moi anteriores aos hippies que chegarían na década seguinte, cuxa teimosía facilitou que en 1968 a empresa Vapores de Pasaje S.A. botase aquel "Islas Ficas", mítico buque para medio milleiro de persoas que uniu durante tres décadas os peiraos de Vigo e Rodas. Popularmente bautizado como o "Ficas" -denominación (non sabemos se é unha lenda urbana, acuñada polo navieiro Rodrigo Freire) nacida da confusión do rexistrador, que confundiu un "s" cun "f", xa que o nome orixinal era o de "Islas Sicas", para Gerardo Sacau, unha das formas históricas do nome de Cíes- reemprazaba as vellas lanchas a vapor da empresa de Emilio Fábregas, Vapores de Pasaje y Turismo, como "Balea", "Vigo" ou "Nuevo Senén", que dende 1922 facían as excursións turísticas á illa norte.

Case cincuenta anos despois da botadura do "Ficas", tras case catro décadas como Parque Natural (1980) e tras tres lustros da declaración como parte do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, as illas Cíes son a primeira e máis valiosa das alfaias do tesouro natural da ría de Vigo e, tamén, o principal reclamo turístico internacional de toda a área metropolitana, superando segundo algunhas estimacións os 300.000 visitantes anuais, nun punto xa moi perigoso de saturación da presenza humana para a conservación dos seus espazos naturais. Gabadas as súas praias como "das mellores do mundo", incluídas nos máis importantes roteiros turísticos, dende hai catro anos o Concello de Vigo, presidido polo alcalde Abel Caballero, prepara concienciudamente a candidatura das illas Cíes para que sexan declaradas como Patrimonio da Humanidade, o que contribuiría tanto a consolidar a promoción turística internacional da nosa área metropolitana e a inclusión do noso porto nas rotas atlánticas de cruceiros como ao reforzamento da protección e preservación do ameazado ecosistema do arquipélago.

E razóns non lle faltan ao Concello de Vigo para argumentar esta candidatura de Cíes como patrimonio da humanidade, dende os valores medioambientais e paisaxísticos excepcionais das illas, pasando polos seus vestixios históricos castrexos, o patrimonio subacuático (até sete pecios) agochado nas súas augas, a tradición mítica e lendaria (das chamadas "illas dos deuses"), as referencias literarias na obra de Jules Verne, un dos seus primeiros divulgadores, como a memoria de ducias de naufraxios, até a súa magnífica integración e comunicación marítima nun entorno metropolitano urbano de medio millón de persoas. Sen esquecer que nos cantís de Cíes nidifica a colonia máis importante do mundo de gueivota patiamarela, así como outras aves mariñas en perigo como o cormorán, o arao, a gueivota cincenta ou o paíño. Os botánicos levan catalogadas alí máis de seiscentas especies diferentes, algunhas tan recentes como o "pé de paxaro", outras únicas coma a "camariña" ou en perigo de extinción como a "herba de namorar" presentes nas dunas da praia de Rodas. Como tamén son moi singulares os seus hábitats acuáticos e a fauna de vertebrados mariños, coa presenza de golfiños, arroaces, marsopas e tartarugas.

O que non se entende, no que debería ser un proxecto estratéxico para o Vigo metropolitano, apoiado polas forzas políticas e entidades sociais e veciñais, é que a última hora, cando está a piques de formalizarse o proxecto do Concello de Vigo diante do Ministerio de Cultura, aparecese a Xunta de Galicia anunciando unha candidadura alternativa para o conxunto do Parque das Illas Atlánticas. Outra pedra no zapato coa que o goberno de Feijóo pretende amolar ao alcalde Caballero, como a do transporte metropolitano ou a chegada sine die do AVE por Cerdedo, que sen embargo en Vigo deixan en ridículo ao seu partido e comprometen as posibilidades de Elena Muñoz como candidata á alcaldía. Máis aínda, cando non é difícil percibir o compromiso de Feijóo coa da Ribeira Sacra, a outra candidatura galega (magnífica, sen dúbida) que se está a preparar para ser recoñecida pola Unesco. Os papeis non terman de todo. Bo sería que Alberto Núñez Feijóo trasacordase desta clara metedura de zoca e apoiase tamén sen matices a candidatura das illas Cíes como Patrimonio da Humanidade, formalizada polo Concello de Vigo e apoiada por toda a urdime cívica viguesa.

stylename="070_TXT_inf_01"> bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats