Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

De patrimonios, paraísos e terrazas

(Case) todos os seráns crúzome con el na praza e/ou acudo ao seu local. Máximo é moito máis, para min, que o rexente dun establecemento de hostelería; Máximo é un amigo. El sabe que así o considero e eu sei que el tamén me distingue con idéntica apreciación. Pero, dito/escrito o anterior, tamén cómpre que eu lles informe a Vdes. -sempre moi amables lectores destas liñas semanais-, que consigne aquí e agora que o meu amigo Máximo non pode deixar de pensar como un excelente e, por que non?, avispado taberneiro que é; en fin, escrito coas súas propias palabras: "un artista é un artista".

En consecuencia, e diante deste inverno (??) que vimos de pasar; no decurso da primavera de soles (case) a diario que habitamos, Máximo vai e opina: "Moncho, isto é unha riqueza!" Nin que dicir ten, eu retrúcolle de contado: "Máximo; isto será unha riqueza para os hosteleiros (con terraza ad hoc), pero, desde logo, constitúe unha completa ruína para os paragüeiros!" Máximo non se atreve/non se decide a retrucarme, á súa vez, que hai xa tempo que en Galiza está en decadencia semellante profesión e que, por outro lado, ben que se puideran reciclar, os tales paragüeiros(-afiadores), en fabricantes/arranxadores de parasoles e sombrillas. O espazo proto-tropical que estamos a construir, semella non pedir menos.

"Un país de servizos": a consigna parece poder aplicarse a toda España e, claro é, asemade a esta nosa, antano, ben chuviosa nación (cultural e de Breogán, ninguén se alporice). Nin falta fai que un servidor lles explique a Vdes. que significa de veras iso de "país de servizos". En fin, para alén daqueloutra profesión que doadamente imaxinan, tamén/sobre todo quere dicir "un país de camareiros". España (e a patria galega dentro dela), entón, como sol arreo, kilómetros e kilómetros de areais e de terrazas e máis terrazas. Prezos baratos, millóns de guiris a cruzaren as fronteiras e o Madrid outra vez campión de Europa: e todo iso a pesar de que xa hai máis de corenta anos, españois/as, que "nos fomos quedar sós!"

"Desculpe, Sr. Pena, pero..., para alén das ironías impertinentes, ten Vde. algo en contra do turismo?", obxectará(n) algún(s). "Ademais, de qué pensa, meu señor, que imos vivir? De veras coida que nos imos converter, acaso, no paraíso das (re)novas tecnoloxías e/ou o I+D?"

Pois.. que queren que lles diga, meus? Decido que parece, Trump/Putin mediantes, a que acabemos por beber "Barón de Groenlandia", "Quinta de Copenhague" e mais a singular "Viña Oslo" -segundo prefiran Vdes. branco, tinto ou rosado-; asentado que semella que os futuros complexos industriais funcionen con drons, robocopos e terminators (estes últimos para Seguridade, claro é; Matrix xa está aquí!, a pílula vermella, xa saben!), e mentres Morfeo, Trinity e Neo non nos liberen da escravitude..., pois mellor será talvez que os nosos fillos/netos poñan copas en Sanxenxo, Baiona, Ribeira, A Coruña, Ribadeo... na vez de desempeñar ese mesmo labor polos baretos, abevadeiros e tabernáculois mil de Hamburgo, Amsterdam.., que sei eu?, Dublín ou Estocolmo, non si? Convertidos, ao paso que vai, a Costa do Sol, Levante e mais as illas en puro e duro penedo africano, por mor da triple alianza entre o cambio climático, Satanás e mais o postcapitalismo postimperial, ben puidera acontecer, xa que logo, que Praia América se transformase no novo Port d'Aigualdolç de Stiges; que Liméns, Nerga ou Menduíña deveñan en Cala Jondal e excesos adxacentes ou, xa postos na tarefa, que Samil e mais Riazor compitan por vir ocupar o espazo que noutrora se disputaban Magaluf e s'Arenal. Marisco de plástico, caña de cervexa a tres/catro euros a unidade, empanada de cartón pedra... sol, suor e alcohol: moito-moito alcohol (e substancias adxuntas). Como diría o gran filósofo Pocholo: "....y ahora, ¡fiestaaaa!"

Sempre atentos, como Vdes. ben coñecen; sempre moi preocupados polo benestar dos seus concidadáns e concidadás; dispostos a que nada poida perturbar a comodidade, o tranquilo desenvolver cotián do "galician way of life", velaí que os nosos políticos autonómicos andan preocupadísimos agora mesmo en determinar que as Illas Atlánticas sexan declaradas pola Unesco Patrimonio da Humanidade; iso si, unha petición que se vén efectuar catro anos máis tarde de que D. Abel Caballero e mais os seus boysandgirls buscasen tramitar semellante decurso para as Cíes. Sen dúbida, todo un moi vivo exemplo de que, por enriba de calquera sorte de partidismo, Galiza unida, xamais será vencida!

Mais non se apuren: nin eles nin tampouco Vdes, porque a cousa está perfectamente organizada. De andar como andamos, o meu amigo Máximo acabará por levar toda a razón do mundo mundial: daquela, se non acadamos o de patrimonio universal e demais privilexios, si que podemos moi ben resultar nomeados edén cósmico, paraíso definitivo.... corte celestial das terrazas e terrazas. Auga?, pregunta algún incrédulo. E quen necesita auga habendo litros e mais litros de cervexa fresca?

Compartir el artículo

stats