Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Bandeiras de Berbería

Petain e Primo de Rivera prepararon a ofensiva final no Rif dos ledos anos vinte. A xeración de mozos nados en España sobre 1900 foron á guerra contra insurrectos que mandaba Abd-el-Krim, un brillante republicano de corazón e lingua bérber ou berberisca. Os rifeños odiaban, e odian, ao rei arabizante de Marrocos, ao que aínda chaman "sultán" (con noxo).

Foi entón cando Manuel Antonio lle escribiu a Rafael Dieste, que desembarcara en Alhucemas, as palabras famosas: o teu deber como patriota galego é pasarte aos rifeños e loitar contra España. En canto a Xosé Ramón e Fernández-Oxea, que servía tamén naquela guerra, procurouse o pseudónimo literario Ben-Cho-Shey, e conservouno pola vida. Hoxe, o Rif coñece a gramática tamagit e o nivel de cultura que acadou permítelle, sobre todo aos mozos, saberse unha nación milenaria que se resiste á arabización. Tamén os rifeños profesan un mahometismo atenuado.

O seu líder actual, Nasser Zafradi, está preso, entre outras cousas, por levantarlle a voz a un imán que reprendía o Movemento Popular bérber que se está enfrentando á monarquía. Non se sabe moito, pero é certo que Abd-el-Krim foi morrer de vello ao Cairo, protexido por Nasser, por non acatar ao sultán de Marrocos que, marioneta dos EE UU, declárase Comendador dos Crentes. España, que posúe a cidade berberisca de Melilla, debería fomentar o nacionalismo e o republicanismo do Rif en beneficio propio. Non o fai porque carece de servizos de intelixencia competentes e dunha política exterior propia. España perdeu o afecto dos saharauis ao entregalos a Marrocos. E nunca tratou de reconciliarse cos bérberes do Rif apoiando a súa resistencia ao sultán.

Hoxe Alhucemas (al-Hoceima) está en loita e as cadeas marroquíes énchense de militantes. As rúas son ocupadas por mulleres indignadas que levan orgullosamente o pelo solto e arboran bandeiras proibidas da nación, vella e nova, de Berbería. Na Kabylia de Alxería, que loitou co FSLN aliado do FLN contra Francia, os irmáns bérberes amosan a súa solidaridade.

Os rifeños non queren ser árabes e, por ter, teñen incluso un alfabeto propio. Frecuentemente os islamistas acusan os rifeños de desprezar a "lingua de Deus", que, como todo o mundo sabe, é o árabe. Durante séculos, as elites marroquinas inculcáronlle aos rifeños que o que eles falaban era un dialecto desprezábel, ou sexa un "cherha". Eles non aceptan iso e hoxe están pensando moito nos días nos que so a dirección de Abd-el-Krim, se abría o ciclo histórico dos movementos de liberación nacional no Terceiro Mundo.

Compartir el artículo

stats