Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Por un Panteón recuperado

O 22 de maio que pasou, un sol de troba provenzal lambía os xapoeiros da Casa de Rosalía, freguesía de Iria, Padrón. O Pedrón de Honra éralle entregado á Fundación Rosalía de Castro que, desde o ano 1947, chegou aos nosos días cumprindo os seus deberes. Estes non son outros ca os de honrar e perpetuar a memoria da nosa autora máxima. Foi tamén premiado o profesor e poeta Martín Veiga, que dirixe os estudos galegos en Irlanda ("Irlanda, Irmán": Cabanillas). No século XIX o convento dominicano de Bonaval foi expropiado pola revolución burguesa.

Extinguiuse daquela unha institución monástica. Pasados moitos anos, acordouse fundar en Bonaval o Panteón de Galegos Ilustres, e alí foi trasladado o corpo dunha galega en primeiro lugar: Rosalía. Logo foise poboando aquel espazo que cobren as abóbadas de cruzamento, tán románticas. Nun intre dado, o concello compostelano encargou a protección do Panteón de Ilustres ao Padroado Rosalía de Castro. Este custodiaba as chaves da antiga igrexa de Bonaval, convertida en Panteón seguindo o modelo parisién de Saint-Geneviève.

A lóxica das exclaustracións, das desamortizacións, da secularizacións de Europa era a tal. En Bonaval fundouse un espazo nacional-popular e laico, que completou o seu simbolismo político ao levaren (con perversas intencións) o corpo de Castelao alí.

Trouxeron, da Chacarita a Bonaval, o corpo de Castelao antes de que houbese República Galega e coa intención de que a monarquía borbónica e unha autonomía paupérrima se perpetuasen. Os maus fados quixeron que, consumada a operación do traslado do corpo de Castelao, un prelado cubizoso reclamase a propiedade da igrexa de Bonaval.

Contra tal pretensión non souberon loitar debidamente os poderes públicos, nomeadamente o Concello de Santiago. E o arcebispo converteuse en propietario de tempo desafectado cuxos donos anteriores, os dominicanos, nunca chegaron a reclamar en devolución. Tal acto tivo unha consecuencia da que nunca se fala pero que reviste grande importancia.

O Padroado Rosalía de Castro perdeu a xestión do Panteón de Ilustres que lle fora encomendado polo Concello compostelán. E así están as cousas. Se quixermos levar ao Panteón, poño por caso, o corpo do xeneral Enrique Líster, que ben o merecería, o arcebispo de Compostela podería vetar ese xacigo. Polo cal, estase a facer urxente unha renacionalización da antiga igrexa de Bonaval na que o pobo galego poida render honras laicas aos seus grandes.

Compartir el artículo

stats