Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Que foi feito de Aranguren?

En 1953, un mozo triste, se cadra sen familia, habitaba cuartos de alquiler preferentemente interiores

En 1953, un mozo triste, se cadra sen familia, habitaba cuartos de alquiler preferentemente interiores. El amaba a luz eléctrica e percibía algunha mínima pensión. Lía e escribía sempre, sempre. Reimundo Patiño, un dos seus poucos amigos, fíxome chegar escritos daquel mozo, que se chamaba José Luis Aranguren.

Nunca conseguín velo diante. Unha súa novela, titulada Yo, el caballo, é luminosa e meteume na alma unha mestura de anguria e de entusiasmo vitalista. Logo lin o orixinal de Elipse. Este relato titúlase de tal xeito porque os acontecementos afectan a figura xeométrica chamada así. Unha especie de conto infinito que dispón de dous apousentos ou polos nos que o lector pode descansar antes de seguir a viaxe eternamente. Logo, relembro unha estoria fracturada en mosaico no cal hai un suxeito humano. Este áchase retirado nun pazo en ruínas. Convive na cociña, que conserva algo de lousado, con xigantescas bolboretas. O protagonista copula sen cesar coas bolboretas en canto a mansión continua afundíndose, e parece que continuará a afundirse despois de o relato chegar á súa fin.

Devolvinlle estes textos manuscritos a Reimundo Patiño, e non sei onde eles se encontrarán agora. Nunca foron publicados. Tiñan proximidade con José Luis Aranguren, na Coruña de 1953, Xohán Casal e Xosé Antón Arxona, á par de Reimundo Patiño. Casal, Arxona e Patiño están mortos. De José Luis Aranguren non sei que foi feito nin quen garda hoxe a súa memoria se el pasou.

Teño entendido que José Luis Aranguren lera a Metamorfose de Kafka na súa primeira edición en castelán, que Ortega introducirá nos interiores da Revista de Occidente. No círculo de Brais Pinto, en Madrid, Reimundo Patiño informounos de que José Luis Aranguren non tiña nada que ver co ensaísta español J.L.L. Aranguren, quen se pasara do falangismo á oposición con dignidade. Segundo Patiño, o noso Aranguren era neto do xeneral antifranquista José Aranguren Roldán, galego íntegro. Ou sexa que era neto do xeneral da Guardia Civil que, coas milicias e masas obreiras, fixo fracasar a sublevación militar en Cataluña. O franquismo fusilou este xeneral en 1939, en Barcelona.

Infórmanme de que Lorenzo Silva está a lanzar unha biografía novelada do xeneral Aranguren e eu pregúntome que foi feito daquel seu neto que prefería na Coruña a luz artificial.

Compartir el artículo

stats