Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tribuna libre

O auditorio é cousa de tod@s

Estase creando unha Plataforma Proauditorio de Moaña porque como sabedes somos un dos poucos concellos que non conta con esta infraestructura tan necesaria para desenvolver moitas actividades nun pobo que se distingue polo seu grande número de asociacións de todo tipo.

Namentras o noso concello irmán de Cangas foinos dando exemplo de cómo reclamalo desde hai máis de trinta anos, nós quedamos caladiños. É certo que houbo pequenos intentos de coordinación das asociacións moañesas nos anos pasados e agora a partires dunha nova convocatoria da Asociación de Mulleres parece que podemos poñer de novo en marcha esta reivindicación.

O concello respondeu axilmente convocando unha reunión para o venres pasado e darnos explicacións das xestións que tiñan feito desde que esta nova Corporación tomou as rendas do goberno hai dous anos. O titular do FARO DE VIGO que non sei se respondía á realidade viña dicindo que o bipartito reunía a todos os colectivos para pactar os pasos a seguir no tema da reclamación do dito auditorio.

Chamoume a atención e con esa nota de prensa acudín á reunión ao salón de plenos do Concello moañés onde o concelleiro de cultura Salvador Meira deu conta das xestións realizadas desde que tomaron posesión dos seus cargos. Negativas do Secretario Xeral de Cultura da Xunta e promesas de colaborar somente co equipamento, solicitudes de reunións co Conselleiro de Cultura, coa de Infraestructuras e incluso co Presidente da Xunta que non foran concedidas. Coincidía tamén hai poucos días o Delegado Territorial da Xunta en que a única colaboración podería ser para o mobiliario futuro, que agora non se financiaban auditorios.

Haberá que lembrarlle que a maioría deles foron financiados cos cartos de tod@s, foran de diversas consellerías da Xunta, das Deputacións ou investindo Fondos Europeos limitándose os concellos a poñer os terreos a disposición ou en moitos casos os proxectos. Os departamentos de Cultura e de Facenda do concello moañés deberían facer un estudo de como se financiaron a maioría dos auditorios de Galicia e reclamar un trato equivalente e xusto, non discriminatorio. Vou poñer un par de exemplos: O de Vilalba (1997) para unha poboación actual de 15.864 habitantes ten 500 butacas, sala de exposicións, conservatorio para 200 alumn@s e 15 profesores e catro locais de ensaio para diferentes grupos. A Xunta aínda rehabilitou a cuberta hai tres anos cun presuposto de 314.000 ? financiado pola consellería de Infraestructuras. O de Verín (2016) financiado con 3,38 millóns de euros por diversas consellerías e Fondos Europeos, con 700 butacas para unha poboación de 14.000 habitantes.

Na xuntanza celebrada o concelleiro de urbanismo informou de que habería que adecuar o proxecto do auditorio -feito no 2007 polo noso concello- á normativa actual e tamén que o terreo estaba incluído na zona das Raíñas, nunha parcela sen urbanizar denominada Xunqueira 2. Pasos que debe dar o concello coa máxima urxencia penso eu.

A alcaldesa pedía consensuar o texto dunha posible moción para levar ao pleno e aprobala por unanimidade e tamén unha ampla recollida de sinaturas para apoiar a petición.

O concello debe saber cales son as sús competencias e ter feito o seu traballo, para reclamar despois a financiación correspondente. O movemento asociativo xa reclamará tamén chamando ás portas que considere.

De momento esta Plataforma Proauditorio de Moaña está nacendo e a ela deberían sumarse todas as asociacións, colectivos, persoas individuais, músicos, artistas ou outras que se conviden no futuro.

*Secretario da Agrupación Cultural Nós e Fillo Adoptivo de Moaña

Compartir el artículo

stats