Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Galos de Portugal (gallos de España)

"A Europa jaz, posta nos cotovelos:/De Oriente a Ocidente jaz, cantando,/E toldam-lhe românticos cabelos/Olhos gregos, lembrando (...) Canta, com olhar esfíngico e fatal,/O Ocidente, futuro de passado,/A boca com que canta é Portugal."

Saiban disimular, desde logo, os sempre moi amables lectores destas crónicas semanais -e moito máis se acontece aínda que resultan ser Vdes. lectores impeninentes do poeta ou mesmo simples visitantes turistas do "Martinho da Arcada" e/ou de "A Brasileira"- a paráfrase/parodia coa que principian as presentes liñas. Evidentemente, onde pon "cantado" e "canta", sitúen, como lle cómpre, "fitando", "fita"; alí onde reza "a boca", consideren "o rosto". Que lle queren? Cando, aló, por volta de 1934, Fernando Pessoa tirou do prelo a Mensagem, nin el nin tampouco Álvaro de Campos, Ricardo Reis, Alberto Caeiro... sospeitaban que algunha vez se habería de inventar unha cousa chamada Festival de Eurovisión nin, moito menos, que no ano 2017 Portugal ía converterse, por primeira vez na historia dos nossos irmãos da outra beira do río, en escintilante vencedor do certame.

Pero é que sucede, ademais e para maior ímpeto das armas lusitanas, que semellante, xa moi gloriosa, efeméride vén de acontecer xustamente na mesma altura cronolóxica en que España -é dicir, o seu representante eurovisivo- viña quedar no último posto da clasificación festivaleira. Como (apocrifamente) titulou o pasado domingo, 14 do presente mes de maio, o (apócrifo) "Diário da Raia" (Seca e Molhada): "Ontem celebrou-se o (apócrifo) Festival da Canção Ibérica: a Espanha ocupou o segundo lugar na clasificação final. Andorra e Gibraltar declinaram participar no evento."

Conta a lenda que un peregrino de noso -penso que o home viña ser nativo de Betanzos ou Mondoñedo-, que saía de Barcelos con destino a Compostela, foi acusado dun importante roubo e, en consecuencia, sentenciado a morrer aforcado. No momento de ditar a condena, o xuíz estaba papando tranquilamente un galo asado, e nin quixo escoitar ao coitado do reo, quen apenas si puido retrucar que aquel galo resucitaría e se poñería a cantar, dando así cumprida mostra da inxustiza cometida. Nin que dicir ten, a profecía do galego verificouse por completo; en proba de agradecemento, o noso paisano -que era algo canteiro- retornou a Barcelos e esculpiu alí o cruceiro do Señor do Galo en louvanza da Virxe María e do señor Santiago. En fin, velaí o relato do galo, símbolo de Portugal.

Pois ben; conta outra lenda que, aló polo século XVI, en terras de Morón de la Frontera había dous bandos veciñais metidos nunha forte desputa que, en máis dunha oportunidade, acabou en sangue. A Chancelería de Granada enviou á vila, para poñer paz e concordia, un xuíz que, moi autoritario, repetía arreo: "¡Donde canta este gallo, no canta otro!". Ao final, todos os moronenses, precisamente reconciliados polo común odio ao xuíz-ditador, decidiron apalealo e deixalo logo en pelota picada. Desde aquela, o adaxio popular recorda: "¡Te vas a quedar como el gallo de Morón, sin plumas y cacareando en la mejor ocasión!".

Meu dito, meu feito. Malia a súa aparencia áxil e humilde, Salvador Sobral cantou o seu tema, "Amar pelos dois", cun aquel de bossa nova -un tanto no estilo desoutro grandísimo intérprete brasileiro, o xenial Caetano Veloso- e no seu idioma nativo, e ninguén se foi asustar por causa diso por Europa adiante. Cantou, pois e ben e no vello romance de Portugal, o galo de Barcelos e hai festa rachada da outra beira do Miño/Minho. Claro que tampouco nos parece mal aquí, por onde andamos, toda vez que -como xa saben todos os alumnos deste país e, ai dolor!, non precisamente porque o aprendesen dos seus profesores; explicóullelo mellor Lousie Banks/Amy Adans en Arrival ('La llegada', entre nós)- o portugués naceu, na Idade Media, no vello reino de Galiza: "Se o teu coração não quiser ceder/não sentir paixão, não quiser sofrer/sem fazer planos do que virá depois,/o meu coração pode amar pelos dois."

"Do it for your lover./Do it for your lover, baby./Clap your hands and do it for your lover", explicaba o retrouso da canción (!?) que, da súa parte, foi presentar Manel Navarro. Explicábao así, en inglés "nivel medio" -ese curioso idioma que nunca dan comprendido os guiris-, porque non se foran escandalizar os europeos se acaso deviñese expresado na "lengua de Cervantes" e, xa non digamos, algúns patriotas rojiamarillos se algunha palabra resultase dita -vade retro!- en galego, catalán ou euskera. Ao final do seu espectáculo, e cal "gallo de Morón", Navarro si que cantou e tanto! Xa que non Euterpe, que os deuses lle perdoen.

Naturalmente, iso tamén, non faltan aqueloutros que, tendo en conta a recente visita papal a Fátima, aproveitan a ocasión para enredarse en toda unha letanía de milagres de diversa condición: velaí, daquela o triunfo na Eurocopa o ano pasado; a perseveranza, contra todo prognóstico e mais contra os dirados de Angela Merkel, do goberno da "geringonça" e, agora, gañadores da Eurovisión. En fin; dito/escrito de novo con Pessoa: "Benedictus Dominus Deus Noster qui dedit nobis signum". Amén.

Compartir el artículo

stats