Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Chimpín

O Xenio de Lingua, no cal eu acredito, fulgura ás veces e saca da raíz do nada unha bonita palabra. Quen lle chamou por primeira vez chimpín a ese tractor lixeiro que substituiu en toda a xeografía do Macizo Galaico-duriense o "grave carro de táboas" que rodaba os camiños desde a prehistoria? En todo caso, felicitamos os amigos do Festival de Curtometraxes de Cans por adoptaren o chimpín como emblema da súa brillante actividade.

Certo que hai quen lle chame glorieta ou rotonda ao roundabout que veu de Inglaterra para regular o tránsito rodado en certos cruzamentos. Pero o pobo máis criativo anosou a palabra e substantivou un adxectivo criando así o neoloxismo "redonda". Anxo Angueira lembra cando, en Bembrive do Bierzo, un mozo de alí nos indicou o camiño e nos advertiu en galego da estrada que tiñamos que coller na "redonda".

Xentes da bouza e propietarios de vacas e cabalos soltos na Serra do Galiñeiro hai tempo que adoptaron ao seu galego vivaz e gloriosamente seseante o vocábulo "cortafuegos" que mal introducira (cousa e palabra) a repoboación forestal que iniciou a Dictadura de Primo de Rivera e que o franquismo levou ao paroxismo para mal do toxal e da gandaría da nosa Terra. Que despois viñeron os incendios é cousa para tratar noutro día. Os bos falantes non letrados da Terra de Turonio inventaron tornafogos, e abonda.

Non penso eu que tomaran nota disto algún lexicógrafos. "Milady não se afoite", enunciaba o Cesário Verde nun seu poema inmorredoiro. En portugués afoitar-se/afoutar-se equivale a ensoberbeberse. En todo caso, tamén en galego: e iso a pesares de que o verbo estaba moi perdido de deus. Haberá que felicitar a quen lle inventou ao Celta o slogan THIS IS AFOUTEZA, resgatando do esquencemento a verba que o Gran Diccionario Xerais da Lingua fai sinónima de ardideza, ardimento, audacia, denodo, ousadía. Digamos tamén, de camiño, que slogan é voz gaélica de Escocia que significa "berro independentista de guerra", dos que profería Wallace (poñamos o caso). A forma pura é sluagh-ghairm. Todo moi axeitado para enardecer os siareiros do Celta. Co cal aproveitamos para decer que, non hai moitos anos, comezou a usarse siareiro, que antes quería decer "cliente habitual", para designar o afeccionado máis ou menos radical do equipo que xoga en Balaídos, campo que sempre será de propiedade municipal ou senón haberá que usar da afouteza na súa defensa.

Hai palabras que se van e outras que veñen. Non todo ten que ser españolismo. Home non!- diríamos usando a innovación coloquial que non hai moito lanzaron en Teis.

Compartir el artículo

stats