Opinión | tribuna libre
Cesáreo Coya Portas*
As tres danzas ancestrais
Vimos de coñecer nestes días o fallo do xurado dos premios Ignacio Cerviño á Recuperación e Promoción do Patrimonio que foi concedido ás asociacións que conservan as danzas tradicionais en recoñecemento ó seu traballo de investigación e recuperación das danzas seculares que temos no noso concello.
Para min foi unha grata sorpresa e agradezo dende estas liñas ao xurado pola distinción. Teño a sorte de participar como gaiteiro nas tres danzas. Na de Darbo cando se recuperou e durante tres anos e, actualmente, na de Aldán e O Hío xunto co meu compañeiro Jorge Gestido á caixa.
No ano 1985 comezamos a investigar un grupo de xente moi nova da recente formada A.C. Lembranzas da Ría as afirmacións da xente maior de que en Darbo bailárase unha danza. Despois de varios meses buscando datos, conseguimos averiguar que a "Sección Femenina" estivera na parroquia documentándoa nos anos 50. Así, conseguimos localizar en Santiago a "Choncha", unha muller de Santiago, que era a única persoa que quedaba de aquel equipo que nos facilitou detalles da mesma. Nese mesmo ano encargáronse dúas gaitas ó mestre xa falecido Xosé Seivane que se estrearon para a ocasión, o mesmo día que se bailou de novo a danza, aquel 8 de setembro de 1986 acompañándome á gaita Esteban Hermelo e Mino Gestido á caixa. Hoxe, a asociación que lle da cobertura a danza fai que sexan @s veciñ@s de Darbo os que bailen e toquen a súa danza e teñan xa vestiario e complementos propios.
A danza de Aldán está máis que consolidada. Atrás quedan os anos en que case non había xente para bailar e as cousas estaban algo descoidadas. Hoxe está a asociación facendo un traballo ó que non se lle da aprecio: levar un rexistro e orde cos/as danzantes, marcar días de ensaio, transmitir e ensinar a danza nos colexios, coordinarse c@s maiordomos. Aínda que, ao meu parecer, a decisión que máis perdura no tempo foi a de non voltar a bailar a danza no pazo dos Condes de Aldán
Ó 16 de agosto de cada ano está marcado en vermello na miña famila: "Hai que ir a bailar San Roque, é día de festa", di meu pai. Con trece anos comecei a bailar a danza do Hío. Seguín a tradición familiar por promesa da miña avoa paterna de que, alguén da familia, bailaría ata que puidese ou tivera relevo. Esta promesa eu a teño cumprida, e despois de bailar 32 anos teño a sorte ter ese relevo nos meus fillos. Agora sigo ligado a danza na parte musical e colaborando coas persoas que se preocupan por ela, pero aínda queda moito traballo por facer. Nestes anos pasados conseguiuse unificar o calzado das damas, mercáronse pasadores e gravatas novas, cambiáronse as cuñas dos sombreiros, traballos que non son apreciados normalmente e que necesitan do traballo e dedicación de persoas comprometidas coa danza.
Na miña opinión, as danzas forman parte do ADN de cada parroquia e dos seus veciñ@s. Aínda que non corren perigo de desaparecer, temos que procurar darlles a protección adecuada e sobre todo o recoñecemento que se merecen. Debemos apreciar o traballo das persoas que están detrás delas, das que non saen nas fotos nin na televisión.
Coidemos e poñamos en valor o noso patrimonio que será a herdanza que deixemos para o futuro.
*Gaiteiro de O Hío
Suscríbete para seguir leyendo
- En una analítica, ¿qué significa tener los triglicéridos altos? ¿Qué hacer para bajarlos?
- «Nadie cuestiona que una persona con hipertensión se medique, pero sí que lo haga una con depresión»
- Portazo al trabajo por la tarde
- Ikea recupera el zapatero vertical para la entrada que arrasa en ventas
- Muere en León un escalador vigués donde años atrás perdió a su padre
- El truco para ahorrar más de 300 euros al año en la AP-9
- Una pareja y sus tres hijos evacuados en Vigo tras intoxicarse con monóxido de carbono
- National Geographic señala esta ciudad gallega como uno de los mejores destinos para celebrar los 50 años