Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Pensamento abstracto

Detivéronse algunha vez a pensar o difícil que resulta para calquera transmitir e facerse comprender cando se trata de falar de ideas abstractas? De qué xeito conseguir que alguén que vive na máis absoluta das miserias en calquera parte do mundo chegue a captar o concepto de xustiza social, a famosa triloxía acuñada durante a non menos famosa Revolución Francesa e que deu con tantas cabezas na guillotina insaciable na súa búsqueda de algo mellor para os parias, os miserentos, os desherdados da deusa fortuna: Liberdade, igualdade e fraternidade.

Isto, o pensamento abstracto, implica a posibilidade de cambiar a vontade dunha situación a outra distinta, analizando simultaneamente diferentes aspectos dunha mesma realidade e, polo tanto, poder elixir, enorme dilema entre opcións diferentes. É como tratar de transmitir a un cego a fermosura do val que se estende aos nosos pés dende unha montaña. Como tentar sentir a impresionante furia da natureza dende o interior dunha tormenta preñada de lóstregos e tronos, ou o son do mar doce que chama por nós en paz e capaz de serenar todos nosos pensamentos máis escuros e ruíns.

O pensamento abstracto é, posiblemente, a mellor das capacidades dos humanos. Fantasiar, soñar, imaxinar o que non vimos, nin sentimos xamais, crear e crer sen ver. Conceptos como a felicidade, o amor, a fraternidade entre os homes, a xenerosidade, a bondade, entre outros moitos, son conceptos nada doados de explicar con palabras sen caer na retórica, na palabrería ou na confusión absoluta do que escoita sen comprender o que lle estamos a explicar. Como podes falar da fraternidade e facerte comprender, se o que te escoita nunca tivo irmáns, e non ten nin idea do que significa compartir con outro e contra outro, xogos, afectos, agarimos, propiedades e límites? Como procurar facer comprender o sentido moral da bondade cando o estado natural é a maldade, entendida esta como algo intrínseco ao home, no que manda o imperio dos sentidos, xa que o que rexe dende que nacemos é o noso ego primixenio: Primeiro eu, despois eu e de seguido eu? Hai que admitir que nacemos cun apoio material e concreto preciso, e pouco a pouco ímolo cambiar, mudando obxectos por ideas, nun xogo de pensamento interior.

Na historia das artes o "abstracto" defínese como: Forma de expresión na que se prescinde de toda figuración cunha nova realidade diferente da natural, no que se usa unha linguaxe artística visual de cores, formas e liñas ao marxe do mundo material que nos rodea. No pensamento abstracto o individuo forma na súa mente ideas para ir representando a realidade que dende neno vai captando, de como o faga vai depender o seu futuro e o seu devagar no mundo adulto, a súa harmonía como persoa ou a súa esquizofrénica vida.

Compartir el artículo

stats