Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Fai Bistés

Brillante e orixinal novela de Isaac Xubín, trata de que as xentes de Cornoalla ou Cornwall, unha boa mañá erguéronse da cama e puxéronse todas a falar a lingua córnica que perdera seu país uns trescentos anos atrás. En Galicia ocorreu algo semellante, pero ao contrario.

Nuns poucos anos o que todo o mundo chamaba "bisté" e costilleta pasou a recibir case unanimemente os nomes de filete e chuleta, ao modo madrileño. Dentro de nada a ninguén lle fará chiste a cántiga, coido que interpretada pola Roda, que se refere ás "patácalas" fritidas con "bistéqueles". Están chegando días nos que galego ningún entenda o significado dun prestixioso restaurante da Rúa Real de Vigo que leva o nome de Fai Bistés. Tampouco non se comprenderá o doutra casa de comidas situada esta na raia do Porriño con Mos, rotulado co nome d'A Costilleta. Sei ben que bisté é palbra de orixe inglesa e costilleta (ben galeguizada en costeleta) procede do francés. Pero, na miña infancia, ninguén lle chamaba a estes manxares filete nin chuleta, e moito menos existía a palabra chuletón.

Os máis vellos acordamos que nos bos restaurantes, especialmente nos de Vigo, figuraba na carta, de forma moi destacada, o bisté a a costilleta de Moaña. Por que a carne de Moaña chegou a ser tan famosa en Galicia é algo que ninguén me soubo explicar. Pero lembro que hai anos, cando en Moaña quixeron avivecer a carne de vitela do seu concello, discurriron unha concentración gastronómica á que lle puxeron Festa da Chuleta.

Para min, saben mellor os bistés ca os filetes (estes represéntanseme coma sosos ou delicados, na reminiscencia). En canto á costeleta, eu lembro, e faiseme a boca auga, a chamada Costilleta Xacobea do restaurante Victoria, nos Batizados de Compostela. O caso é que, no mundo das comidas, o cambio Lingüístico vai moi unido á pedantería e á ostentación social, o que, en materia de viños, pode levar a verdadeiras patoloxías retóricas de comedia de costumes. Ao mesmo tempo que desaparecían da boca dos galegos as palabras de que falamos tamén fuxían outras coma touciño frebado que pasou a ser panceta.

Outro día trataremos das metamorfoses que sufreron os peixes cando, unha boa mañá, desapareceu das falas a rabada ou peixe-sapo ou sapo para ser sustituído por un rape, alóctono. Volveremos insistir nos nomes dos peixes que a colonización nos rouba, cada día.

Compartir el artículo

stats