Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Corda dura

Do valor dunha opinión

Ás veces a palabra dun personaxe importante axuda a definir unha etapa da vida ou un pulo cara outra.

A min sucedeume hai bastantes anos, aló a principios dos noventa, non sei se acaso polo 1990 ou 1991, cando aínda case non me medraba a barba á poula, esa dun polo estilo rebelde que utilizaban por regra xeral os poetas, pintores, intelectuais e homes revolucionarios que mudaron dun xeito ou doutro a historia. Daquelas, nun ataque de fervura poética, decidira escribir un longo libro de poemas dedicados á historia da miña terra, o lar do que proveño, como habitualmente veñen facendo moitos dos poetas que aman o seu recuncho natalicio.

Nin baixado nin preguiceiro, presenteino ao concurso de poesía Cidade de Ourense, cheo de ilusión e esperanza de que polo menos algo bo, de non ser chuzos do ceo, me puidera quizais acontecer.

Pola prensa daqueles anos, resolto o certame, informeime de que entre os membros do xurado estivera o noso celebrado autor das Letras Galegas deste ano, Carlos Casares.

E dado que asistía como contertulio dunha ponencia nuns Encontros de Literatura Infantil organizados pola Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura e Xuventude da Xunta de Galicia noutrora, aproveitei un receso no que este escritor se atopaba falando con outros persoeiros do mundo literario e dirixinme con enorme curiosidade cara a el para preguntarlle algo moi importante para min. A miña motivación consistía en indagar cales foran as obras que ao criterio do noso autor destacaban entre as presentadas ao concurso de poesía ao que eu me presentara.

O diaño ou a casualidade fixeron que mencionara dúas, unha delas a que obviamente foi a gañadora, pero a outra quedei sorprendido e afoutado totalmente cando mencionou a que baixo pseudónimo eu presentara.

Por suposto que non lle mencionei en ningún momento que eu fora a verdadeira formiguiña creadora daquel traballo, mais aquelas palabras súas, palabras de novelista e narrador, indubidablemente internacional e famoso xa, como cabe imaxinar, incháronme o peito uns cantos centímetros ese día e por uns cantos días máis, e non so iso, senón que me deron ánimos para seguir traballando no agro literario, terreo no que me veño movendo dende que comecei, nos eidos da miña adolescencia temperá.

Compartir el artículo

stats