Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

Megálitos da serra de Leboreiro

Os cumios da serra de Leboreiro, onde as terras de Lobeira, Bande, Verea e Castro Leboreiro xúntanse co ceo, forman unha paisaxe privilexiada para os prehistoriadores. A impoñente forza do lugar reforza a relación que existe entre os restos arqueolóxicos, principalmente dólmenes, e unhas prácticas etnográficas que aínda conservan a súa esencia. As paraxes chairas do alto da serra, os Alpes Leporarius e Mons Leporarius da documentación medieval, un topónimo que lembra a abundacia de lebres que propiciaba a orografía de aplanamentos, foron intensamente poboadas, polo menos dende hai uns seis mil anos, utilizada como unha xigantesca paraxe funeraria creada para os mortos, pero tamén para humanizar -domesticar- a paisaxe, chegando a formar unha das concentracións de dólmenes mais importantes de todo o noroeste peninsular.

As "motas", como se coñecen os monumentos megalíticos nesta zona, érguense sobresaíndo nas chairas e suaves cumios. Efectivamente, a toponimia prodígase en exemplos como a Mota Grande, a Mota da Meda, a Serra das Motas, o Monte das Motas, ou a Mota da Cabreira. O significado popular do termo seguramente ten que ver coa acepción galega -"mouta"- que a obra Los petroglifos de término y las insculturas rupestres de Galicia que X. Ferro Couselo publicou en 1952 interpretaba como a derivación do xermánico mott, é dicir, un amoreamento de terra de céspede utilizado como moxón.

Dicía Ferro Couselo que "Es de notar que la denominación de mota, en algunas partes, como en las tierras de Bande y Lobeira, se aplicó también a las mámoas. En 1570 suenan allí, entre otras, la Mota de Cabeza de Meda, la do Uzal, ya en el límite con el coto de la Fraga, propio del Monasterio de San Martín de Grou; la Mota de Mama aberta; la de Reborderrey, a continuación del Marco de Parafita, y la Mota furada, junto al Monte Brincadoiro, en la que terminaba la demarcación de Bande con Bangueses y comenzaba la jurisdicción de Castro Leboreiro. Esta última se nos describe como "una mota alta, encima de la cual está una pena grande, que tiene trece pies de largo y nueve de ancho, que está como redonda y por dentro pueden entrar dos hombres y caben siete u ocho hombres dentro".

Tamén outros investigadores, entre eles Luis Monteagudo, din que o mesmo termo é moi común para referirse ás mámoas -túmulos- e, por extensión, aos monumentos megalíticos de tipo dolménico, nome que tamén aparece baixo outras variantes ("moutas", "moitas" ou "mouteiras"). O Diccionario da Real Academia Española define mota, entre outros significados, como unha "eminencia de poca altura, natural o artificial, que se levanta sola en un llano". A Enciclopedia Galega Universal de Ir Indo di que "mouta" é unha verba de orixe prerromana e, entre os seus significados, está o de "Protuberancia de terra, pequena e illada, que pode ser natural ou artificial". Non poucas veces atopamos a palabra mota como elemento delimitados de territorios. O dicionario Cúmio da lingua galega que recolle unha acepción de mouteira como "Pedra, poste ou sinal para marcar límites, distancias, fronteiras, etc." e o devandita Enciclopedia Galega Universal de Ir Indo, unha "mouteira" é un "Marco que fixa o límite entre os terreos". No diccionarios da Real Academia Galega aparece mouteira como "Pedra cravada no chan que sinala os lindes dunha terra".

Cando nos adentrabamos nestas impoñentes paisaxes como parte do traballo para a nosa Tese de Doutoramento, os túmulos -as motas- observábannos constantemente, vixiantes dende puntos estratéxicos do horizonte. Comprobamos como forman unha rede de puntos de fuga dun lugar intensamente humanizado, ou o que o mesmo, culturizado e domesticado, dende o Neolítico. Polo menos, dende hai 6.000 anos. Son vixiantes milenarios que mandan sobre a contorna que a rodea, impoñéndose sobre ela. Case diría máis: eles, os megálitos, son os que a constrúen e organizan. Atopámonos diante dunha paisaxe cultural prehistórica de primeira orde, onde os fitos erguidos polas sociedades campesiñas daquel momento do Neolítico se impoñen sobre os fitos naturais, que perden importancia ante as impoñentes construcións megalíticas.

Chegados a este punto, queremos lembrar que o prototipo de monumento megalítico do que estamos a falar, está formado por dous elementos fundamentais. A cámara ou dolmen -anta, arca, casola, casiña, etc.-, esa construción feita con grandes lousas de pedra, e o túmulo -mámoa, medorra, medoña...- de terra que a envolve, e ás veces, a cubre totalmente.

As cámaras son de formas variadas. Poden ser dólmenes simples, os típicos de forma poligonal ou ben con tendencia alongada. Aparecen tamén os de corredor de acceso, diferenciándose a altura da cámara propiamente dita da do corredor que permite o acceso. Non faltan as pequenas cistas rectangulares e incluso algunha de aparente forma cuadrangular. Nas escavacións levadas a cabo na zona portuguesa do planalto e publicadas por V. Jorge, A.M. Baptista, e E.J.L. Silva, e S. Jorge aparecen novas variantes, como as estruturas ovais, posibles inhumacións, dentro de circos líticos tumulares dalgunhas motas.

En canto á composición arquitectónica dos túmulos, maioritariamente soen estar formados por acumulacións de terra ou dunha mestura de terra e pedras, en diferentes proporcións. Adoitan estar protexidos por unha coiraza feita con pedras de mediano tamaño que poden cubrir total ou parcialmente a súa superficie.

Tamén é variable a relación de tamaño entre a cámara e o túmulo. Constátanse cámaras totalmente cubertas, ocultas no interior da masa tumular. Noutras ocasións, asoman parcialmente ao exterior dela. Os casos máis habituais son os que o túmulo chega ata a zona superior das lousas verticais -chantos ou ortostatos-, moi cerca da que fai de tampa, que permanece á vista. Outros exemplos os proporcionan as cámaras que sobresaen notoriamente da masa tumular, quedando o dolmen moi visible e destacando sobre un túmulo con pouca altura que chega ata a metade inferior dos ortostatos.

O monumento megalítico foi erixido para ser visto. Esta simple observación agacha o máis profundo concepto de monumento. E a monumentalidade, en canto a que se basa na receptibilidade visual, mantén unha relación directa coa cantidade-volume dos materiais acumulados, coa súa altura resultante e, necesariamente cos seus emprazamentos. Para ser visto non é o mesmo construílo nun cúmio, nunha chaira que nunha ladeira ou nun fondo de val.

Outro asunto é o do momento en que foron edificados. En función dos datos do Megalitismo de Galicia e do norte de Portugal, os megálitos construíronse aproximadamente entre o 4200 e o 2500 AC, polo que estas impoñentes arquitecturas comezan a erguerse hai máis de seis milenios. Os da zona portuguesa da serra contan con sete datacións de Carbono 14 tomadas en tres monumentos, datacións que as sitúan entre aproximadamente entre 4350 e o 3800 AC.

Noutras ocasións faláballes da relación da arqueoloxía con disciplinas de coñecemento coas que aparentemente ten pouca relación. Nas clasificacións académicas actuais, os arqueólogos estamos incluídos entre as "carreiras de letras". A nosa formación básica así foi. Máis a investigación obríganos a buscar por camiños ben distintos, a mergullarnos en lecturas "de ciencias". O que lles conto a continuación da unha boa idea diso.

Para achegarnos á economía das xentes que edificaron os dólmenes, é preciso analizar as funcións das ferramentas que atopamos no seu interior. Pero ademais indagamos sobre a utilización dos recursos que tiñan ao seu dispor nas contorna das mámoas. Como paso previo -e tamén como consecuencia- debemos ter en conta que os construtores dos megálitos eran xentes neolíticas, sociedades que practicaban como base principal de sustento a agricultura e a gandería. Ás veces atópanse nas escavacións machados para deforestar e conseguir terras de cultivo, micrólitos que formaron parte de fouces, contrapesos de bastóns de cavar e aixadas. Máis estas son pezas tipicamente arqueolóxicas, dirán vostedes.

Sen embargo é totalmente habitual en Galicia, polo menos dende a década de 1980, o traballo en estreita colaboración coa Palinoloxía. Só así podemos percibir que na proximidade dos megálitos non é raro detectar actividades agrícolas a partir do achado de poles de cerealia, de brassica (col) ou de especies pirófilas, froito de deforestacións artificiais, en contextos cronolóxico coetáneos daqueles.

Xunto co anterior, prodigáronse os estudos da man da Edafoloxía, a ciencia que estudia a composición e propiedades dos solos. Os da serra de Leboreiro son fundamentalmente de tipo "anmoor ácido". Caracterízase polo encharcamento estacional, sempre cunha excesiva humidade que pode chegar á saturación de auga case durante todo o ano. Tales propiedades hídricas fan deles pastizais naturais, moi bos para a gandería extensiva e pouco ou nada para a agricultura. Na actualidade os da serra de Leboreiro forman lameiros naturais para o gando equino e vacún que pace e cría na penichán superior durante case todo o ano.

Se ben nesta serra os solos de anmoor ácido ocupan algo menos de 15 km² acollen case á terceira parte dos megálitos que catalogamos na Baixa Limia, o que lle da unha densidade próxima ás 4 mámoas/km²! A media comarcal é de 0,4 mámoas/km², multiplicándose neste solos do Leboreiro nada menos que por dez.

Esta distribución contrasta coa outra gran concentración de monumentos deste tipo na mesma comarca, o val do Salas, e en especial nas terras de Muíños. Alí agrúpanse ao redor dos solos aptos para a agricultura, xunto ás chamadas "terras pardas". As dúas concentracións, serra de Leboreiro e val de Salas, parecen indicar a explotación intensiva de dúas zonas con excelentes potenciais para a produción, a pecuaria nos anmoores de Leboreiro e a agraria nas terras pardas do Salas, ambas actividades postas en práctica por estas xentes da Prehistoria dende o Neolítico.

Dende logo que é totalmente recomendable unha visita á serra de Leboreiro. A pouco que percorramos as súas pistas forestais e de aproveitamento gandeiro, os megálitos sairán ao noso camiño, como querendo iniciar un relato que comezou alá polo Vº milenio AC.

* Arqueólogo municipal de Ourense

Compartir el artículo

stats