Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Cando París arrefría...

"Cando París arrefría, toda Europa espirra". Ou, acaso e mellor, poida que a cousa vaia talmente ao revés: "Cando París espirra, toda Europa arrefría"; a verdade é que coas frases célebres -esta, atribuída a Klemens von Metternich, ministro de Exteriores que foi do Imperio austríaco aló, na primeira metade do XIX- nunca se acaba de saber ao certo. Mais, sexa como fose, o que si resulta indubidable é que, cando Vdes. anden a ler as presentes liñas, faltarán xa ben poucas horas para que os nosos veciños de alén Pirineos pasen a escoller o novo presidente que ha de rexir os seus destinos durante os próximos cinco anos -ou incluso durante os dez vindeiros, segundo como lle vaia no oficio- e, xa que logo, a condicionar así mesmo esoutra fortuna/desventura nosa, facendo boa, máis unha vez, a sentenza do príncipe austríaco arriba citado. M. Emmanuel Macron ou Mdme.Marine Le Pen, daquela? Se habemos de fiar nas enquisas, tal semella que non haxa incertezas canto a que o candidato de "En Marche!" deveña claro vencedor; porén, tendo en conta que terán de ser miles, millóns, os votantes que acudan ás urnas tapando o nariz e que, ademais, Francia vén ser o país dos perfumes..., talvez haxa que aplicar aqueloutro adaxio taurino español a aseverar que "hasta el rabo, todo es toro."

"Macron?, Le Pen? É que non hai máis nada que axeitar entre a forca e a guillotina"?, han de retrucar, se cadra, uns cantos -bastantes- de entre Vdes, sempre moi amables lectores destes parágrafos semanais. Ben sei; ben sei que aquilo que lle apetecería ben a moitos corazóns sería depositar a papeleta electoral en branco e que retornase, de paso, o xeneral De Gaulle ao Palais de l´Élysée; xa postos, e na epifanía do moi longo encabuxamento, non falta quen interprete aínda que, antes de que os gabachos poidan retornar ao bo camiño, non queda máis remedio que consumar, primeiro, a baixada aos infernos e admitir a Mdme. Le Pen no sillón presidencial. Ao cabo, dá moita vontade, esta Francia que vai, de levar a termo aquilo que tan magnificamente cantaba Brassens: " Le jour du Quatorze Juillet/, je reste dans mon lit douillet./ La musique qui marche au pas,/cela ne me regarde pas": en efecto, todo parece conspirar para permanecermos na cama, comodamente; esa música que van tocando pola rúa, non nos di nada de nada. Pero, claro: tampouco é que pareza, precisamente, un gran plan poñerse a agardar a que os boys volvan desembarcar en Omaha beach, non si?

"Triunfo de Emmanuel Macron nas eleccións presidenciais francesas. Alivio na Unión Europea": velaí o(s) titular(es) que, como auga de maio -e nunca mellor dito/escrito-, devezan propios e alleos, dispostos a lle poñeren velas a Santa Xoana de Arco e mais á Virxe de Lourdes. Agora ben; significará a vitoria do candidato socioliberal -iso é o que lle din- algo máis que iso mesmo: un simple alivio transitorio?

Hai cousa apenas de tres/cinco anos, repasen Vdes. as hemerotecas, fonotecas e vidiotecas ad hoc, todo, ou case todo, o Who´s who da "tertulianía" -se me dan licenza para empregar aquí o palabro- mediática hispana; todos os (autoproclamados) líderes de opinión aseveraban, proclamaban, declamaban, sentenciaban, trompeteaban..., vociferaban mesmo que se facía necesario, si ou si e para xa!, un cambio radical na traxectoria das cousas. Imputando, increpando, inculpando, alcumando -incluso houbo quen foi recuperar a célebre fórmula de Émile Zola, "J´accuse...!", cando o caso Dreyfus- á dereita e á esquerda; para diante e para atrás, sen (aparentemente) deixar "títere sin cabeza", esixían de inmediato as máis profundas reformas así no sistema político (fin dos aforamentos, supresión das deputacións, reforma constitucional...) como no financeiro, educativo e xudicial. Por cuestionar, cuestionábase asemade a organización dunha Unión Europea, dun FMI e, en fin, dun mundo globalizado aos que se xulgaban os causantes de todos os males dunha poboación que, indignada, se dera a ocupar rúas e praza. Algún día haberá que preguntarlles moi en serio a D. Pablo Iglesias e cia como foi que, finalmente, non puideron, non souberon (e/ou non quixeron) asaltar, entón, uns ceos cuxas portas, por un momento, se abrián de par en par.

Mais velaí que logo de Xerminal chegou Termidor -en franchute andamos, que lle queren?- e abondoulle que alguén(s) -alguén quen?- chamase á orde para que, de repente, todo aquel tsunami reformista, rexeneracionista... se transformase na denuncia implacable, día vén e día vai, dos perigos do "populismo", das aleivosías "perroflauta" e mais dos abismos antisistema. E nesas estamos aqui e agora. Fin do conto.

Fin do conto, escribiu Vde.? "Eppur si muove!" Non sabemos, iso é certo, cara a onde. Pero moito é de temer, ou non, que aconteza o que aconteza o 7 de maio en París e departamentos adxuntos, vai ser moi difícil vivir perennemente con base en parches Sor Virxinia, tiritas curitas e media ración de ansiolóticos. Aínda que esteamos en primavera, e logo veña o verán, o cambio climático xa está aí: cando París arrefría...

Compartir el artículo

stats