Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Praza dos Cabalos

Vigo, capital galega da hípica

En Vigo non sempre nomeamos os espazos urbanos como indican as placas municipais. Así, a rúa de Sanjurjo Badía recibirá, segundo os treitos, os nomes de A Calzada, O Toural, Os Caños, e así. A xente coma min nunca dirá Praza de América, senón sempre e con constancia admirábel, As Travesas. No lombo da Gran Vía, e nun lugar que pertencía a un antigo Couto, hai unha praza que leva o nome prepotente e sonoroso. É a Praza de España, pero na miña mocedade diciámoslle Praza da Estatua, posto que o monumento intinerante a Cachamuíña e Pablo Morillo estaba alí encravado. Despois de que o concello retirase da Praza de España a fonte luminosa de Cesáreo González, que disque fora envexada e emulada polos coruñeses, inaugurouse unha magnífica escultura en bronce, obra de Juan Oliveira. Desde aquela, os viaxeiros que entran en coche a Vigo procedentes da Meseta, de Ourense e de Portugal, son recibidos polos cabalos de Oliveira, que pasaron así a ser símbolo e enseña extraoficial da cidade. Praza dos Cabalos chámase a esta entrada a Vigo, en Madrid, no Porto, en Zamora, en Lisboa. Así, Praza dos Cabalos, se chamou até onte mesmo un bar situado por tras da gasolineira de Portanet. Sen dúbida por razón de estratexia comercial, o bar acaba de mudar este nome polo de Plaza de España, non sei se con acerto. Porque Vigo é a cidade máis ecuestre de Galicia. Alén dos cabalos de Oliveira, están os cabalos autóctonos que se congregan no curro do Galiñeiro, monte cabalar aí onde os haba (dice en dialecto vigués). Que a cidade industrial de Galicia por excelencia teña vivo dentro do seu termo municipal un curro de cabalos do monte é cousa para ter en conta. Cando Oliveira propuxo representar cabalos agatuñando a encosta do Galiñeiro tivo unha visión brillante, multiplicada pola súa arte. E Soto tamén estivo brillante ao pór alí a escultura. Prepara a Federación Hípica Galega un libro sobre o concurso de saltos da cidade, no que traballa Rolland, ese sabio e lúcido vigués en materia de Jules Verne (entre outras cousas). Chéganme noticias de que o Concello está pondo a punto unha sección montada da policía local, antes chamada con moita propiedade "guarda municipal". Os traballos de instrucción hípica deste novo corpo están dirixidos por Conrado Pérez, do centro ecuestre de Santa Lucía, precisamente no Galiñeiro. Co cal só temos que sermos conscientes de que Vigo é a capital galega da hípica.

Compartir el artículo

stats