Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

De misas e de bandeiras

Déanme Vdes. por favor, a súa licenza para poder iniciar as presentes liñas semanais cunha pregunta nada capciosa. Díganme, daquela: como é que viviron os pasados días? Forman parte, se cadra, do conxunto de afortunados concidadáns de noso que se foron desprazar a unha estación de esquí e/ou acudiron á praia na procura do baño relaxante e mais do agarimo do sol primaveral? Aproveitaron, talvez, para achegarse á aldea nativa, visitaron parentes afastados..., non sei, practicaron deporte, acudiron ao cinema ou ao teatro, retomaron a lectura dalgún libro? Cuidaron, mellor, de fillos, sobriños ou netos -e/ou de avós e bisavós-, recibiron vellos amigos aos que xa había tempo que non vían? Ou, asemade/polo contrario, participaron en actos procesionais -apenas como público ou tamén como membros das comitivas-, concorrreron a exercicios espirituais...;simplemente gastaron unhas horas na reflexión e na petinencia, atendendo como lle cómpre pola mellora das súas almas inmortais?

En calquera caso, iso si, saiban que mentres Vdes. andaban ensarillados en tales mesteres e leceres, velaí que outros concidadáns se decidían a presentar unha iniciativa parlamentaria para que La2, e/ou algunha(s) canle autonómica, supriman de vez da súa grella programativa a emisión da misa dominical. En revanche, que lle din os gabachos, outros máis non só continuaban a condecorar virxes e cristos por España diante, senón que daban mesmo as oportunas ordes para que, en sinal de loito, as bandeiras ondeasen a media hasta en todos os cuarteis patrios. Back to the Future made in Spain? De veras; estimo (as, poucas, boas películas) o cinema nacional; así e todo, para certos xéneros, que quede Álex de la Iglesia na súa casa e que Hollywood reine, felizmente, nas de todos nós.

Nada máis lonxe deste cronista -é dicir, nada máis lonxe das miñas capacidades- que calquera pretensión salomónica. Pero é que, ademais, non se trata de cuestións semellantes; e iso por máis que ambas afecten a esfera do público/privado -do servizo público- e, desde logo, á laicidade/non laicidade do Estado que habitamos. Tentarei explicarme de contado aínda que, iso tamén, que tempos tan pouco doados aqueles nos que se fai necesario debullar no evidente!

Se algún sentido ten -que o ten- manter unha televisión pública, tal reside, xustamente, no seu carácter de servizo ao conxunto da comunidade. En virtude de tal, cabe pensar, entón, que determinados actos políticos, sociais, culturais, deportivos... -aqueles do célebre "interese xeral"- deban ser retransmitidos polos medios de comunicación do Estado con independencia de que, ao tempo, as canles privadas decidan facer o mesmo. Por poñer un caso simple, pero no que todos participamos cada 365 días: velaí as campanadas que anuncian o comezo dun novo ano, cada 1 de xaneiro. É que alguén vai pedir tamén que as teles públicas as eliminen das súas respectivas grellas?

Naturalmente que todas as confesións teñen o seu dereito; xa que logo e precisamente por mor de tal, suprimir a retransmisión da misa dominical tan só serve, en realidade, para que miles de españois -esencialmente persoas anciás (acaso os nosos pais/nais, avós/avoas...)- con dificultades, ou totalmente impedidas, para acudir a unha igrexa, deixen de percibir un servizo público gratuíto. Se alguén pensa de veras que, actuando dese xeito, vai asaltar os ceos, ou está a minusvalorar de certo a potencia divina ou é que moi maliño anda o pensamento de esquerda neste país de países.

Pero, como quedou xa dito, cuestión ben diferente vén ser esoutra da concesión de medallas a virxes e cristos e, desde logo, a ordenanza ministerial a prescribir que as bandeiras ondeen a media hasta nos cuarteis con motivo da celebración da Semana Santa.

Sen dúbida que un servidor de Vdes. non vén ser o que se di un modelo de relixiosidade; non obstante, tampouco -iso penso- formo parte da nónima dos impíos e revoltés. É por iso que entendo que, se hai algún mandamento da lei divina que se incumpla con máis teimosía -e, curiosamente, por parte daqueles que aseveran, cando non vociferan, seren os seus auténticos defensores-, ese vén ser o segundo: "non tomarás o Nome de Deus en van". Ao cabo, cando foi que a Virxe María declarou as súas preferencias polos mossos d'esquadra ou a Benemérita? Optou o seu Fillo abertamente nalgunha ocasión -e xa non digo, se o enfrontamento foi con tropas observantes doutra crenza- por un dos dous bandos en contenda, cando ambos se proclamaron cristiáns? Un exército, o español, onde conviven, con certeza, crentes (e non só católicos) con agnósticos, indiferentes e mesmo ateos... pode izar/desizar, xa que logo, as bandeiras en relación ao Seu Nome? Por máis que un repase, atopará a imaxe de Cristo crucificado, triunfante, redentor, camiñando sobre as augas... pero, certamente, nunca fun atopar un Cristo armado cun fusil ou acciando un mísil. Vírono, acaso, os amables lectores destas crónicas algunha vez?

Medallas e bandeiras a media hasta? Se mal non lembro, foi o propio Xesús quen o deixou dito (Mateo 22:21): "dade ao César o que é do César e a Deus, o que é de Deus."

Compartir el artículo

stats