Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

na latitude do deza

A LAT do Candán

No ano 1996 meteuse unha LAT de 400.000 voltios (400 Kv) ao longo da Serra do Candán, como se esta montaña, de reducida altura, fora unha gran estrada pola que puideran circular libremente todos os vehículos. Meteuse unha aberrante LAT sen ter en conta nin as queixas dos críticos nin as protestas do ecoloxismo, con todos os informes oficiais e oficiosos favorables, pero sen coñecer as inexorables leis desta montaña de Galicia-Costa.

Que lles importaba aos divinos enxeñeiros do imperio eléctrico hispano que na Serra do Candán os ventos abateran todo o aquelo levantara a cabeza máis da conta? Que lles importaba que os "indicadores biolóxicos" (vexetación) amosaran claramente que non se podía ir conta as leis da Natureza? Todo iso era teoría barata, contos de paisanos que vivían na Noveliza ou na Rochela e, de vez en cando, escoitaban "zoar" os vendavais, xusto por encima das súas cabezas. Sempre pasou o mesmo, os que veñen de fóra, aínda que teñan estudios universitarios, pensan que a Serra do Candán é un lugar calquera, con moitas costas cara arriba e cara abaixo. Saben que as augas van cara abaixo, como sucede cos afluentes do río Lérez, pero descoñecen que os ventos van cara arriba e, canto máis suben, máis aumenta a súa intensidade.

Que importa todo iso se a ciencia da enxeñería, mediante fórmulas complexas, pode deseñar resistentes estruturas capaces de desafiar as leis do destino? Canta razón tiñan unhas señoras dunha das dúas aldeas da parroquia de Aciveiro, próximas ao alto da Serra, cando dicían, uns días despois do último vendaval: "Aquí podemos estar tranquilas case todo o ano, ata o día que chega un deses vendavais que parece que leva as casas polo aire. Cando se forman ventos arremuiñados non hai cousa que resista".

En xaneiro de 2009 a borrasca Klaus derrubou cinco torretas entre a estrada Lalín-Cachafeiro e a Noveliza e, agora, no 2017, o vendaval de comezos de febreiro retorceu e tirou oito torretas, incluídas as repostas e reforzadas anteriormente. En 20 anos de vida desta hiperreal LAT o tendido eléctrico dobregouse ante a forza do vento por dúas veces e, aplicándolle a "teoría da probabilidade", todo parece indicar que nos próximos 20 anos pode suceder, como mínimo, outras dúas veces. Todo isto é unha maneira lóxica de entender a situación, pero os intervalos de tempo foron variables e a casuística pode ser diferente ou tal vez peor. Entre 1996 e 2009 (13 anos) a LAT é derrubada por primeira vez e entre 2009 e 2017 (8 anos), por segunda vez.

Tanto nos da que o vendaval sexa un fenómeno derivado dun furacán tropical (borrasca extratropical) desprazado ata a Zona Temperada do Hemisferio Norte, como unha violenta "cicloxénese explosiva", como unha falsa "galerna", iso é igual. O realmente preocupante é que se adentre polo val do Lérez onde se canaliza e ascende, para bater violentamente co que atope cerca do cumios da Serra. A forza deste vento é invencible para os enxeñeiros que repoñen liñas sentenciadas.

Compartir el artículo

stats