O martes pola tarde fun visitar ao meu prezado amigo Manuel Sanmartín Sobrino. Facía moito tempo que non nos "mirabamos" e alegreime moito de manter unha conversa cun home que sempre tiven por bo e sinxelo. Dúas peculiaridades, teño para min co decorrer dos anos, que son as máis difíciles de acadar na estrada (léase, camiño) da vida.

Está feito un mozo. 92 anos ben levados, cos pormenores propios da idade pero cunha mente prodixiosa e cun sentido do humor intacto.

Falamos das "cousiñas" da vida. Principiamos coa Estrada da súa infancia. Repasamos os seus libros imprescindibles, todos eles asinados con agarimo por Neira Vilas, Reimóndez Portela, Otero Pedraio, Alonso Montero, Carlos Mella, David Otero.

Amosoume moitas fotografías, da familia, de viaxes, de amigos. Detívose nunha, a do "Instituto de Segunda Enseñanza", segundo as súas palabras, "o máis valioso regalo que se lle podía facer á xuventude estradense." Tamén amosou interese, como decote fai, pola biblioteca que leva o meu nome, á que vai doar, xunto coas súas fillas, unha morea de libros.

Manolo emociónase ao lembrar aos que foron os seus mestres senlleiros, os mesmos que axudaron a darlle sentido e sensibilidade ao noso pobo, Antonio Fraguas, Antonio Lino, Enrique Vidal, Mosquera, Luque ou Mercedes Costa, entre outros.

O caso é que a pouca xente teño escoitado falar tanto e tan ben da nosa vila como ao meu sobranceiro amigo Manolo Sanmartín Sobrino. Auténtica memoria viva da Estrada. Todo un galano de primavera.

*Mestre e escritor da Estrada.