Alégrome coas sombras. Sinto os mortos da "Casa de la Cultura" de Quito, anos cincuenta do XX, a reloucar de ledicia: o doutor Escudero, con longa descendencia en Vigo, o severo marxista Elías, Guayasamín, que era un indio, Carrera Andrade, poeta e Jorge coma o turco Adoun. Todos eles acolleron e protexeron no Ecuador o mellor filósofo español, e republicano do exilio, José David García Bacca, cuxa pantasma festexa con aqueles intelectuais a Lenin Moreno.

Eu estou, igualmente, feliz polos indíxenas así polos quechuas coma polos amazónicos, e restantes nacións orixinarias que, despois do susto que lle deu ao Imperio Sendero Luminoso, están a mirar que as luces de Mariátegui acabaron coas retóricas que esperpentizara Valle-Inclán no Circo Harris. Non só acabou con ese folclorismo Evo Morales: Rafael Correa ten pronunciado discursos en quechua no parlamento aparatoso de Quito.

No Senado de Madrid, esta España, cando Xirinacs quixo usar do seu catalán, houbo que lle cagou un peido. Peido tan celebrado coma había de ser o "a ver si te callas" que proferiu a lingua galdrumenta do Borbón contra o comandante Chávez. Nin hoxe lles está permitido aos galegos e galegas eleitos do pobo o falaren no seu idioma no Senado e Congreso de Madrid!

Vén ben a victoria de Lenin no intre da remudanza treizoeira que se produciu no Brasil. Este Lenin gaña cando o golpe acentúa a súa virulencia en Venezuela. Gaña en Ecuador a esquerda realmente existente. E faino, máis unha vez, do único modo posíbel que teñen as esquerdas de gañar, hoxe e nos días da república de Weimar: mediante a unidade nacional e popular. E Lenin gaña nas urnas.

Certo que a unidade popular xa gañara no Chile do doutor Allende. Nin en Venezuela nin en Ecuador parece haber hoxe un Pinochet e unha oficialidade servil previamente educada polo Imperio en técnicas de golpe e de tortura. Gaña a esquerda unitaria, que é a que leva un nome obvio e claro coma a auga: Alianza País.

O dispositivo táctico xa está operativo e responde a unha mentira simplicísima que, no futuro, non parará de abouxar os ouvidos do mundo: "Lenin gañou por fraude electoral". Haberá en Ecuador intentos continuados de subversión, violenta ao modo dun segundo acto da traxicomedia da praza Maidan, Kiev. En todo caso, non dubiden. Dispois de Lenin, virá Bélanchon.