Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Antroidos primixenios

Dá a sensación de que o cristianismo acurrou nos días do Antroido, que non pertencen sen embargo ao ciclo litúrxico, toda clase de seres e presenzas supersticiosas e pagás. Hai un deus feroz, emanación da vida selvaxe, que leva chocallos, máscara sen faccións individualizadas e corre, corre, eternamente empuñando un vergallo ou tralla que non fere.

É o Peliqueiro, o Felo, o Cigarrón. Trátase dun espírito galego? Non exclusivamente. Ten, si, que ver co Boteiro prodixioso de Vilariño de Conso e se cadra coas máscaras portuguesas do esgrevio Nordeste daquela nación, por onde o Douro corre de Norte a Sul. Pero eu vin cigarróns en Basilea dos Campos; senlleiros, malencónicos, alemánicos, a tocar o tambor. Unha formación de cigarróns (ao así) vascos rendéronlle homenaxe a Otegi cando a este lle abriron a porta da cadea. Hai figuras semellantes, sempre feras, sempre con chocallos, en Sardeña, en Bulgaria. Vicente Risco asociaba tal modelo de máscara inmutábel ás sociedades segregas dos Doghon da antes chamada Negritude. En realidade trátase de seres do outro mundo que regresan puntualmente no Antroido para nos lembrar que, nalgún tempo, non había Cristo. Logo están outros seres prodixiosos que tamén baixan do Outro ao Noso Mundo en Galicia, por estas datas. Uns son ecuestres, polo tanto presenzas superiores, e eles teñen o don da elocuencia e a potestade de facer tratos e de bencer e glorificar persoas. Chámanlle Xenerais, e, naturalmente, son deuses de compostura militar.

Estes non levan carauta e deixan ver a cara á luz do sol. Veñen do Alén os xenerais, ao mellor para non esquencermos as estremas e marcos dos vellos territorios que xa existían antes de se chamar eles parroquias ou freguesías. Non só andan atales cabaleiros pola Ulla. Teñense visto patrullar no Castiñeiriño, no xiro de Compostela, por onde eles andarían moito antes da invención do sepulcro do Apóstolo. Finalmente: todo un Paradiso. Refírome ao Antroido dos Cobres, no cabo ou couce da Ría de Vigo, na súa costa Norte ou sexa Morrazo. Nos Cobres, que son dous territorios, asistimos maravillados no Antroido ás evolucións dunha Corte Celestial pagá e belísima. Nela van as Madamas e os Galáns, toucadas e vestidos con materiais inconsuteis de carácter sobrenatural. Veñen os dos Cobres desde o Fondo dos Espellos da memoria colectiva, para facer, coma os deuses antes citados, do Antroido Galego un depósito de soños que carece de cualquier fantasía burguesa e de legalidade católica e dogmática. E así van pasando os séculos, os milenios. E así pasou este Antroido, como vai pasando a nosa vida.

Compartir el artículo

stats