Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Negacionismo ao NW

Antes de Roma, nosoutros eramos, en latín, Gallaici ou Callaici e, en grego, Kallaikói. O confín dos verdes castros chamábase Gallaecia/Calaecia ou Kallaikía, nunha e noutra lingua clásica. As fontes clásicas grecolatinas, do século I ao IV do X. agurgullan elocuentes noticias de Gallaecia e dos Gallaici, de Kallaikís e dos Kallaikói; con tenues variantes.

Vendo vestixios e esculcando noticias históricas e disecando fosilizacións léxicas e sustratos toponímicos podemos saber moito dos nosos devanceiros anteriores á romanización. Mesmamente, Gallaecia foi un espazo e unha comunidade tan recoñecida polo Imperio que chegou a constituir provincia del, con ese nome. Galiza/Galicia representa o único nome dunha provincia romana da Hispania que sobreviva na actualidade. Raro é que esta obviedade e evidencia moleste tan notoriamente. Gallaecia, Kallaikía, Gallaici, Kallaikói, é dicir a Terra e Nós, aparecen en Ovidio, Plinio, Silio Itálico, Marcial, Ptolomeo, Dion Cassio, Paulo Orosio, e noutros autores clásicos grecolatinos con absoluta claridade.

A pesar diso, arqueólogos contemporáneos negan a existencia de Gallaecia e dos Gallaici. Cando o negacionismo arqueolóxico se refire ao noso pasado país dalle a este o nome de "Noroeste Hispánico" ou "Noroeste Peninsular". Cando o negacionismo se refere á nosa cultura prelatina chámalle "castrexa", enunciando un xentilicio pretensamente neutro e perversamente disterado do histórico Gallaicus que esta relacionado con Galego como Gallaecia o está con Galicia. Este negacionismo e esta destitución dos nomes históricos de Galicia e dos Galegos, revélase como ideolóxico e políticamente modelado.

O universo da materialidade arqueolóxica galega, que coñecemos en todas as súas formas e manifestacións nos intres previos ao cruzamento do Limia por Décimo Lunio Bruto no ano 138 a.C., resulta aínda máis intelixíbel facendo cadrar os restos tanxibeis coas noticias que sobre nós, pobo e xeografía, fornecen as fontes clásicas. Todo coincide en afirmar inequívocamente que a actual Galicia, aínda máis ampliada, levaba o nome de Gallaecia/Callaecia en latín e, os seus habitantes, o de Callaici/Gallaici, sempre con variantes e sempre con versión galega. Negar isto, de xeito inxustificado e soberbio, é algo que debería ser reprobado con carácter de urxencia pola sociedade intelectualmente cultivada de Galicia dos nosos días.

Compartir el artículo

stats