Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

"Na chegada a Ourense da primeira locomotora"

Sendo nós meniños só había un aeródromo no mundo que levase nome de persoa notabre, e el era o Laguardia de Nova York. Logo foron aparecendo o JFK e o Charles de Gaulle. Finalmente, o vello de Matosinhos diu en mutar e converteuse no "aeroporto de tódolos galegos", con bus regular e directo "á Galiza", via Valença. Foi entón cando o aeroporto do Porto, se cadra para eludir o pleonasmo, adoptou un nome de persoa ilustre e pasou a ser chamado Sá Carneiro.

O caso é que Francisco de Sá Carneiro, político da dereita transalazarista, home moito do Porto e bon coñecedor da cidade de Vigo, pereceu nun accidente de aviación. Isto diu lugar a que en Portugal se difundisen relatos de humor lúgubre. Toda Galicia celebra hoxe con entusiasmo que o aeroporto de Lavacolla pase a chamarse Rosalía de Castro.

Despois dos campos de aviación, viñeron as estacións dos trens de alta velocidade co cal se decidiu dotar estas tamén de nomes evocadores de personalidades políticas e literarias. A estación do AVE de Ourense aspirou así, a ostentar o nome dunha figura importante da nosa Historia. Daquela, o Padroado Curros Enríquez e o concello de Celanova propuxeron o nome do autor d' "A Virxe do Cristal" para a nova estación de Ourense, cuxa obra ía ser encargada a Norman Foster. Produciuse unha apariencia de unanimidade na capital auriense. Desde logo, houboa real na Terra de Celanova e entre todas as persoas cultas de Galicia.

Curros Enríquez, en 1881, estaba na Ponte-Canedo cando chegou alí, profusamente engalanada, a primeira locomotora, e aplaudiulle moito aos discursos, incluído o ferventemente demócrata e avanzado do doutor Enrique Otero Sotelo, pai de Ramón Otero Pedrayo. Logo, e moi especialmente, Curros Enríquez tirou a navalla crítica e furou na utopía con optimismo. Escribiu o poema titulado "Na chegada a Ourense da primeira locomotora", que pasou á Historia.

O actual Concello de Ourense, goberno e oposicións, está calado. Entrementres, un periódico da miña cidade natal propón que non sexa Curros Enríquez quen nomee a nova estación, coido que máis modesta do que se pensaba, senón unha figura sociopolítica moi diferente: Eulogio Gómez Franqueira. Se as forzas da cultura de toda Galicia non o remedian, a estación nova do AVE en Ourense non levará o nome de Manuel Curros Enríquez. A memoria do señor Gómez Franqueira merece toda clase de homenaxes, sen dúbida. Pero esta non; pola sinxela razón de que el non escribiu o poema titulado "Na chegada a Ourense da primeira locomotora".

Compartir el artículo

stats