Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

na latitude do deza

Gresande defende o seu castro

A mellor maneira de defender o patrimonio é ter conciencia da súa importancia, como ben se pode apreciar nunha anécdota, que sucedeu nun lugar de Galicia no que había un castro, ben coñecido polos seus habitantes. A cuestión é que chegaron a ese pobo uns turistas e preguntáronlle a un veciño se coñecía o lugar onde estaba o castro daquela parroquia. Este díxolles serenamente: " ¿... e como non vou a saber onde está o castro? Están vostedes preguntándome polo elemento máis importante que temos na nosa parroquia. Xa o coñecemos desde nenos e os nosos pais e avós téñennos contado moitas historias que sucederon nese lugar. Os veciños témoslle moito respecto e queremos que todos os que veñan a vistalo fagan o mesmo, porque non lle consentiremos a ninguén que tenten facerlle algún dano"

Esta sorprendente historia aconteceu hai un par de anos e, nesa parroquia, o castro está considerado case como un lugar "sagrado" ou "mitico". Desde o momento que os veciños dun lugar valoren os seus castros, pode decirse que a historia dese Ben Patrimonial renace, entra nunha nova dimensión, porque se non son os veciños dun lugar os que defendan o seu Patrimonio ¿quen llo vai a defender? ¿Hai, acaso, alguén que o poida defender mellor ca eles?.

Estas anécdotas, pode parecer que suceden moi lonxe de nós, pero nestes días vivimos unha historia semellante na parroquia de Gresande, unha historia que pode marcar unha nova etapa no acontecer da valoración do Patrimonio. Un madeireiro púxose a chimpar uns eucaliptos nunha finca, que está colindando co castro de Gresande polo lado de poñente, lado oeste. Segundo manifestou [o madeireiro] o Servizo Forestal concedeulle permiso para realizar a tala, pero non lle advertiu da presenza dun castro. Para evitar que as árbores máis cercanas ao castro caeran contra o terraplén externo da muralla meteu unha máquina pesada no foxo e fíxoas caer sobre a propia finca na que se talaban.

A máquina ao descender polo lateral do foxo deixou varias marcas producidas polo seu gran peso e isto alarmou aos veciños de Gresande que apreciaron, acertadamente, que iso era unha agresión ao castro. Advertiron ao madeirista que tivera coidado en non tocarlle a castro. A cuestión é que a noticia chegou ao Concello de Lalín e o goberno municipal decidiu esclarecer os feitos seguindo o protocolo establecido para tales efectos. Desprazouse a Policía Municipal ao lugar para comprobar os feitos e levantar o correspondente "atestado" que seguirá o proceso establecido e ao que deberá engadirse un informe técnico especificando os danos ocasionados, segundo aparecen tipificados no PXOM. O seguinte paso, segundo a gravidade do acontecido, será remitir o expediente aberto a Patrimonio.

Certamente os danos producidos no castro foron mínimos, case insignificantes, pero o comportamento dos veciños de Gresande, que se mobilizaron rapidamente para defender o seu gran valor patrimonial, marca unha nova forma de entender e valorar a importancia que ten o legado cultural deixado polos nosos antepasados nunha gran construción monumental. Non é agora o momento de falar da importancia deste castro, pero si podemos decir que é un dos máis salientables da Comarca de DezaTodos estes feitos marcan a "folla de ruta" a seguir no futuro e establecen un principio de actuación que debería xeralizarse, en principio, a nivel desta comarca. Un exemplo ben distinto ao acontecido no castro de Cortegada no ano 2015, cando nin os veciños, nin o concello de Silleda foron capaces de interpretar realidade do seu castro. Por fin, uns veciños do noso concello, souberon entender a contextualización e importancia do seu castro, en base ao coñecemento popular, centrado nos "mouros" e ao coñecemento científico da Cultura Castrexa, cada vez mellor estudiada e valorada.

Compartir el artículo

stats