Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Praza da Independencia

En vida do meu pai fixéronse independentes Noruega, Cuba, Irlanda, Hungría e unha porción máis de países e nacións que eran pertenza doutros. Eu mesmo fun testemuña, se ben moi alonxada, do nacemento da India e de moitos estados do suleste asiático, entre os cales lembro un Vietnam heroico. Fun debullando na miña mocedade, doa a doa, o rosario dos países africanos que se descolonizaban, algún de forma revolucionaria e ideoloxicamente moi influenciadora no Planeta, como foi o caso da Alxeria árabe e bérbere que aínda mantén hoxe orgullosamente o seu laicismo.

Aínda que pareza difícil de crer, lembro o día no que o "Diario Hablado de RNE" difundiu a noticia (sen que Mariñas, Rivero ou outro locutor falangista lle puxese énfase) de que Islandia se proclamara independente de Dinamarca e ceibe de calquera tutela monárquica. Propóñolle ao lector un experimento. investigue (en Google é doado) cántos estados independentes había no mundo cando el naceu e cántos hai hoxe. Verán que unha corrente dominante no noso tempo (por riba dos intereses e as contradiccións de clase e sobrecondicionantes) ocasiona a multiplicación de países independentes en todos os continentes do Globo.

Mesmo existe, recoñecido pola ONU, o dereito á autodeterminación e á independencia dos pobos. Aqueles que hoxe se escandalizan das pretensións de Cataluña non se lembran de que eles mesmos aplaudían a Sakharov e aos que propiciaban a rotura da URSS e a deconstrucción de Iusgoslavia. Insisto: a tendencia (predominante no mundo contemporáneo) á autodeterminación e á independencia das nacións sen estado é algo que xurdiu hai moitos anos e nunca afrouxou a súa aceleración.

Ou digámolo doutro xeito: o Mundo Contemporáneo naceu cunha Declaración de Independencia. Non sei se vostedes se decataron de que, antes da Revolución Francesa de 1789, foi a Declaración de Independencia dos EE UU en 1778. A Contemporaneidade aparece, pois, unida a un pobo que se rebela contra o dominio doutro de carácter imperial. Ese pobo, o dos Estados que se Uniron horizontalmente para seren ceibes e republicanos, abriu paso a unha cadea de independentismos que se extendeu desde México á Patagonia.

Despois fóronse formando estados independentes nos continentes restantes, incluíndo illas mínimas e vastos desertos. Sínte xa a Humanidade, e desde hai moito tempo, que o dereito á autodeterminación dos pobos que aspiren á súa independencia é inseparábel dos restantes dereitos humanos. Eis a tendencia predominante no Mundo Contemporáneo. Á memoria intacta de James Connolly escribo estas liñas.

Compartir el artículo

stats