Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Unha sentenza que quere as nosas fragas

Casas Vellas e as Fragas de Catasós teñen motivo de estar de celebración. David caneou a Goliath nunha sorprendente torpeza feita polo xigante. A compañía presentou un recurso "raro" e agora ese movemento déixao acantonado nunha situación de difícil saída argumental. Poderá recorrer pero as súas cartas quedaron á vista e xa non ocultan a gravidade ambiental e do procedemento do seu proxecto.

A clave da sentencia está no fundamento xurídico segundo, cara o final da páxina 10 e inicios da 11, cunha argumentación xurídica moi relevante sobre o que atrevo a chamarlle ensaio sobre fraudes dos estudos de avaliación ambiental, aínda que sentencia o exprese dunha maneira máis refinada: "existen serísimas dúbidas acerca do verdadeiro impacto". Trátase dunha fundamentación inusual e, polo tanto, moi chamativa, cun auténtico valor demostrativo para a loita ambiental: poñer en evidencia que este tipo de adulteracións dos estudos ambientais existen, e que poucas veces son postos en entredito dunha maneira tan clara. Tamén, a diferenza doutros casos con moi dubidosos diagnósticos ambientais, neste os pronunciamentos de organismos coma o Valedor do Pobo, o Consello de Cultura Galega, ou a clara implicación e compromiso de investigadores da USC, resultan tremendamente valiosos.

Cabe extractar da sentencia as liñas coas ideas máis relevantes que explican o valor do que, a priori, podía tratarse dunha simple solicitude de desestimación nun recurso contencioso administrativo interposto contra o Concello de Lalín, para ir máis alá, e poñer toda a tramitación administrativa desta LAT patas arriba. Xa que ten que recordarse que estamos diante dun proxecto declarado de utilidade pública (resolución de 9 de maio de 2014), e declarado proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (Consello da Xunta do 27 de marzo de 2008), na que a intervención do concello quedaría moi limitada, e a sentencia saca a relucir outras consideracións, de moito máis calado, que afectarían á validez da preceptiva autorización ambiental do expediente.

Así onde se di que "existen serísimas dúbidas acerca do verdadeiro impacto" do proxecto, sobre todo no referido ao diagnóstico feito dos valores paisaxísticos, pero tamén do ambiental, supón un rotundo cuestionamento da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) que evidencia a súa invalidez. Os expertos e entes que aportaron o valor probatorio na causa veñen a dicir que o dano que se podería ocasionar, no caso de pasar a LAT por Casas Vellas, non concorda co diagnosticado nos diferentes informes técnicos presentados pola empresa e aprobados co visto e prace da Administración autonómica.

Estaríamos diante de algo que moitos denominamos "fraudes nos estudos de impacto ambiental". Por desgraza algo moi habitual, escrutados con espurios intereses por parte de quen toca validalos, sobre a base de mirar cara outro lado, ou en xustificacións rimbombantes que apelan supostos intereses públicos e económicos (en beneficio doutros), e que tantas tropelías e dano teñen causado ao noso territorio. Pero neste caso a sentenza recolle frases que deben enmarcarse coma referencias a ter moito en conta, marcan unha liña argumental que aínda que non senten xurisprudencia si deben estar moi presentes e apelar ao seu exemplo noutras loitas sociais semellantes. Tales como "non é posible convir coa parte actora en que se demostrara -a pesar de tódolos trámites administrativos xa superados polo proxecto (...)- que as obras a executar vaian cumprir estritamente coa normativa que lles resulta de aplicación (...) É certo que o proxecto conta coa autorización autonómica na materia; porén, hai que dicir que do contido dos moitos informes (...) é posible inferir serísimas dúbidas acerca do verdadeiro impacto que as obras a executar, senón medioambiental si alomenos no paisaxístico, terá tanto para a Fraga ou espazo natural que dispón de protección oficial como para a fraga situada no seu entorno".

Agora con isto, o normal e conveniente, para manter unha coherencia entre a claridade do ditado na sentencia e o proceder dos organismos competentes da Administración é que se revise todo o procedemento de principio a fin. Á vista de todo o que agora coñecemos da importancia de Casas Vellas como elemento indisociable do Monumento Natural das Fragas de Catasós, ao proxecto non lle queda outra que modificar o seu trazado. Resultaría inxustificable que non se fixera. A contundencia dos novos acontecementos convidan, aínda con máis forza, a formular que a verdadeira desestimación, que nesta cuestión ten que obrar, non é outra que compañía eléctrica e Xunta desestimen continuar co proxecto de destruír un souto valioso e de fermoso nome que xa forma parte da historia de Lalín.

Só queda felicitar o extraordinario traballo de todas e todos aqueles que contribuíron en tan simbólica conquista, que supón un salto que pon cada vez máis difícil un "arboricidio" que estivo a un chisco de facerse.

*Biólogo

Compartir el artículo

stats