Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A Cordadura

Benaventurado Rei Parvo

Resúltame francamente penoso, triste e moi cruel ver como nas series históricas españolas (ou españolizadas, pois así hai que consideralas tendo en conta a intención principal da súa emisión) se lles vai a man aos guionistas tratando as figuras senlleiras dalgúns dos nosos personaxes galegos máis importantes sen a máis mínima dignidade ou decoro.

Estou a falar neste caso do tratamento (como un covarde e un conformista) feito na serie "O final do camiño" ao rei García de Galicia, tamén chamado rei García II (aínda que nunca houbo un García I como rei de Galicia), fillo de Fernando I, irmán do rei Alfonso VI, rei de Castela-León, que instalou a corte en Toledo, pero que probablemente falaba un galego medieval máis rico e amplo que moitos dos actores que dobran hoxe en día a serie, indubidablemente.

Mais, de onde vén toda esta descualificación? Tal vez, a xeito de exemplo, de autores como o noso Benito Vicetto, cando cualifica a memoria deste rei como "repugnante para todo fillo de Galicia", ou do medievalista Atilano González, que o considera pusilánime, estulto e infeliz, e tamén recentemente da coruñesa Victoria Armesto, que o considera como o "máis parvo" dos fillos de Fernando I no seu libro "Galicia feudal". Estoume a lembrar, entre todo este descrédito, duns versos de Celso Emilio Ferreiro: "Perdóanos, Señor, tanta parveza/e ten piedade de nós, dos pobres parvos/que andamos os camiños das estrelas/cos ollos alcendidos/na bebedeira tépeda das fábulas".

O que si é real é que hai historiadores máis competentes que non teñen a mesma visión tan cruel deste rei. Pero o certo é que de nada serviu a súa educación exquisita medieval no Trivium e Quadrivium, ou que o bispo Cresconio se fixera cargo da súa educación, ou que o seu pai Fernando I confiara nel para darlle a mellor tallada dos seus reinos, pois tal era a dimensión do de Galicia naqueles tempos, ou que gañara a batalla de Pedroso grazas ao que se proclamou rei de Galicia e Portugal, ou que se preocupara de restaurar algunhas sés eclesiásticas como Braga ou Tui, principalmente a de Tui, ou mesmo a de Ourense, onde mandaba o bispo Ederonio. Por que inclusive o propio bispo compostelán Diego Peláez chegou a confiar nel para recuperar o reino de Galicia? Anécdotas aparte, algúns cren que tivo o seu palacio en Ribadavia, malia que isto non é seguro. Pódese crer despois de todo isto que realmente fora un covarde e non tivera nin a máis mínima dignidade? Eu coido que non. Pero probablemente se en troques de ser tan dialogante se aplicara o mesmo conto que o rei Ramiro II o Monxe coa lenda da campá de Huesca, outro galo cantaría e acaso o reino de Galicia perduraría máis tempo. Quen sabe. A historia, chea de lendas ou non, sempre a constrúen os vencedores, está claro.

Compartir el artículo

stats