Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O espolio e a ruína do mosteiro de Carboeiro (II)

Numerosos sarcófagos de pedra foron levados para o seu uso como pías, comedeiros e outros menesteros pouco piadosos, unha cruz foi parar a un hórreo de Cira e outra rompeu durante o roubo, e hai referencias do traslado dun rosetón ao Pazo de Meirás

No artigo anterior dabamos conta das pezas espoliadas do Mosteiro de Carboeiro dende mediados do século XVIII, do tímpano que foi parar a un museo catalán e das columnas da portada e numerosas pedras labradas usadas para diversas construción en terras de Merza. Non fai falta ir moi lonxe para localizar outros elementos levados do cenobio benedicitiño que coa axuda de informantes e colaboradores, localizamos en tempos recentes e referimos neste artigo.

Numerosos sarcófagos de pedra foron levados do interior da igrexa monacal para usos diversos. Os máis deles para pías e bebedeiros de animais. Caso singular é o que foi parar ao cubo dun muíño de A Vrea, xunto con varias labras que formaban parte da canle de condución de augas do mosteiro. O cronista dezao Francisco Vilariño deixara publicado a finais do século XIX que o sepulcro fora levado a un muíño en Carbia, e aló fomos na súa procura. Grazas ao veciño Benxamín de Cortizada e ao noso colaborador Manuel Regueiro, puidemos dar co muiño referido preto do lugar de A Vrea (Fontao), no regato de Sabrexo, logo de ser desviado por unha curiosa canle de máis dun quilómetro de longo. A canle e mailo muíño, conta o noso informante, foron feitos polos presos que estiveron en Carboeiro nos anos en que foi usado coma cárcere no século XIX. O muíño, ao que alguén lle levou a moa, e a canle xa en desuso están medio cubertas polo mato nunha fermosa paraxe de ribeira ao igual que outros muíños en pontellas. O mesmo Vilariño refire que a lápida da tumba dun abade, logo de picarlle a inscrición, servía de base dun hórreo e varios sartegos foron levados polos veciños de Merza e arredores para usar coma comedeiros e outros mesteres pouco piadosos, segundo deixou referido o cronista dezao Francisco Vilariño. Tamén Armando Vázquez, no seu libro sobre Carboeiro xa referido, da conta dunha mesa de pedra levada para unha casa de Rellas e a cruz dun rosetón da igrexa monacal foi para a cima dun hórreo de Cira, outra rompeu en cen anacos cando a quixeron roubar, unha lauda con inscrición serviu de base a un hórreo e da grande cheminea e lareira do convento ninguén sabe do seu paradoiro. Dunha porta cunha singular inscripción do século XII non quedou máis ca unha foto de primeiros do século XX.

Capitel en Breixa

A un antigo casal da parroquia de Breixa foi parar parar un fermoso capitel que se encontra espetado nun muro. Nel aparece representada a figura dun frade mostrando un libro sagrado co que tenta escorrentar a unha ave de rapiña da súa presa, que semella un cadelo. Foi o noso colaborador Fernando Santaló quen nos deu conta desta interesante peza románica, sinalando que tiña escoitado aos máis vellos do lugar que fora traído do Mosteiro de Carboeiro xunto con outras labras para facer esta edificación, agora en ruínas ao igual ca un tear e un típico lagar que garda no interior ou altos valados que foron medio desfeitos cando a concentración parcelaria e que pertenceron tempos atrás á familia Conde, tamén coñecida polos do Arrieiro.

Aínda que o capitel tamén puido proceder da sobranceira igrexa de Breixa cando se substituíu a fachada románica pola barroca en tempos non lonxanos, polas figuras que presenta e as testemuñas recollidas, parece mais verosímil que os señores da casa na que seica houbo curas nalgún tempo o trouxeran do antigo cenobio benedicitiño. O capitel mostra certas semellanzas con outro que nos indicou o amigo Pablo Sanmartín, que se atopa nun pazo de Ponte Ulla, no que figura unha representación do milagre de San Nicolás, que se supón pertenceu ao desaparecido mosteiro de San Xoán da Cova. Logo de tomar as medidas oportunas, por mor de se podía ser de Carboeiro, desbotamos que puidera ter saído do mosteiro de Trasdeza.

Tamén hai referencias do traslado dun rosetón ao Pazo de Meirás cando aquela morada foi agasallada ao caudillo Franco. Contan as crónicas que o entón director do Museo de Pontevedra, Filgueira Valverde, mesmo foi aló para facer comprobacións sen que se saiba o resultado. O mesmo Filgueira seica cavilou en desmontar o mosteiro e levalo para Pontevedra logo de comprobar o continuo espolio, pero o dono de entón, o veciño de Merza Dr. Villar Somoza mostrou a súa oposición.

No próximo artigo habémonos referir aos retablos, imaxes, obxectos de culto e documentos que desapareceron de Carboeiro.

Compartir el artículo

stats