Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O espolio e a ruína do mosteiro de Carboeiro (I)

O tímpano da igrexa monacal está depositado nun museo catalán, dúas columnas da portada forman parte dunha casa en Merza e varios perpiaños poden verse tamén en casas e valados desta veciña parroquia do municipio de Vila de Cruces

O Mosteiro de Carboeiro, un dos monumentos máis sobranceiros da comarca de Deza, despois dos anos de esplendor, poderío e riqueza chegaría o abandono, a espoliación e a ruína logo da desamortización de Mendizábal a mediados do século XIX, cambiando de propietarios e arrendatarios en varias ocasións. Numerosos elementos da igrexa e dependencias monacais foron desaparecendo vendidos, roubados, esnaquizados ou queimados, que ao cabo ven a ser o mesmo, logo de que a propiedade do convento e edificacións anexas mudara de mans en varias ocasións a finais do século XIX e primeira metade do XX. Así, o tímpano do pórtico principal da igrexa monacal foi parar a un museo catalán, dúas columnas a unha casa de Merza, un capitel a un casal de Breixa, o sarcófago dun frade e parte da condución de augas a un muíño da Vrea, as imaxes e os retablos a museos de Compostela e ás igrexas de Saídres, Manduas e Carboeiro e moitos sillares serviron para construír casas en Merza e Fontao. Mesmo hai referencias de que un rosetón foi parar ao Pazo de Meirás para agasallar a Franco. En varios artigos imos tratar de dar conta do paradoiro de moitas pezas de valor artístico deste mosteiro beneditino logo de numerosas pescudas para as que contamos coa inestimable axuda de colaboradores e informantes e aínda agardamos logo da publicación que outros nos faciliten datos para a localización de pezas saídas do complexo monacal, ao que agardamos poidan volver algún día agora que xa está recuperado e vixiado.

Sen que se poida precisar a data, os espoliadores levaron parte do tímpano da portada principal da igrexa aproveitando o abandono do cenobio beneditino. Mercadas ou roubadas, desapareceron o Pantocrátor e un relevo con dous dos Evanxelistas que foron parar ao museo Marés de Barcelona, onde fican na actualidade. Nós puidemos ollalos por primeira vez formando parte da Exposición Galicia no Tempo, en Compostela, no ano 1991. Daquela aproveitamos para retratalos e publicar unha montaxe na revista DezActualidade, referencia moi copiada nos anos seguintes por distintos autores. Outro relevo cos outros dous Evanxelistas ficou milagrosamente na portada onde aínda pode ollarse na actualidade.

Un par de columnas coas súas correspondentes bases que coidamos pertenceron aos catro que tiña a porta principal da igrexa de Carboeiro atópanse na casa de Sueiro, en Merza, segundo puidemos saber de varios veciños. Semella que chegaron aquí a finais do século XVIII, cando se construíu o edificio de baixo e un andar que albergou negocio deica hai poucos anos. As columnas usadas máis para adorno que para soporte andan polos tres metros de longo ao recortarlles senllos anacos que aínda andan polo patio da casa. As bases das dúas columnas teñen fina decoración xeométrica. Unha negociación cos donos do inmoble permitiría devolvelos ao seu emprazamento orixinal na porta do mosteiro.

Segundo refire Armando Vázquez no libro Carboeiro. El Arte que Renace de sus Cenizas, cando se construíu a Casa Reitoral de Merza leváronse de Carboeiro anacos de columnas para soportar mesas de pedra, sillares para as paredes e mesmo a lauda do sepulcro dun frade, restos algún deles que aínda se poden ollar na casa parroquial agora en ruínas. Moitas edificacións de Merza e algúns valados das hortas aproveitaron bos perpiaños traídos de Carboeiro nos anos de abandono cando calquera podía coller un carro ou logo un tractor ou carroceta e acceder ao mosteiro onde estaban amuricadas as canterías que en longos períodos nin sequera tiñan vixilancia. Dalgunhas pezas que demos localizado espalladas pola zona daremos conta no próximo artigo.

Compartir el artículo

stats