Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Desbloqueo metropolitano

A pasada semana as páxinas de FARO DE VIGO acolleron tres artigos magníficos, escritos por veteranos municipalistas, nos que apelaban a procura de fórmulas de mediación capaces de desbloquear o conflito da constitución da Área Metropolitana de Vigo (AMV). Tanto no texto de Carlos Núñez, concelleiro no seu día, no de Manuel Pérez Álvarez, alcalde de Vigo de 1995-1999, como no de Xosé Manuel Pazos, alcalde de Cangas e vicepresidente primeiro da AMV, salientábase a importancia da creación da AMV para mellorar os servizos dunha comunidade de medio millón de persoas e a necesidade de establecer un espazo de diálogo entre as partes para dar paso a un proceso de negociación e acordo. Posicións que comparto ao cen por cen. Nunha situación de bloqueo político como a que sofre a AMV non hai outro camiño que identificar os conflitos, coa intención, primeiro, de describilos coa maior obxectividade, e despois, darlles unha solución dende a racionalidade e a legalidade.

Só dende unha posición de diálogo analítico ilimitado, poderá entenderse o problema do Plan de Transporte Metropolitano, onde o Partido Popular centra toda a súa estratexia de oposición á constitución da AMV. Unha cuestión pouco entendible dende posición apartidarias coma a nosa, cando tras unha longa negociación o concello de Vigo asinou coa Xunta de Galicia un convenio polo que integraba o seu transporte urbano no plan autonómico. U-lo problema? U-la negativa de Vigo a incorporarse ao sistema de transporte da Xunta? Xaora, non é un segredo que neste tema o que se discute é apenas unha interpretación do texto do convenio, cuestión que podería ser dirimida, de non chegar a un acordo, pola doutrina dos tribunais do contencioso. Porén, foi a que levou aos populares a xustificar o seu boicot á constitución da AMV e a emprender unha campaña en contra do seu presidente, cun interese, a todas luces, partidario. Unha interpretación, a dos conservadores, que carga inxustamente sobre a facenda municipal viguesa, e polo tanto sobre todos os seus cidadáns, o custe dos desprazamentos urbanos que a maiores, despois dunha viaxe en vitrasa e o seu transbordo correspondente, puidesen realizar outros cidadáns metropolitanos. Un tema que, atendendo aos intereses xerais e integrado nun plan de mobilidade metropolitana, sería solucionable nos órganos da propia AMV.

Como semella tamén abordable o outro casus belli, o nacido do propio acto de constitución da área, en boa medida viciado despois polo boicot das seis alcaldías do Partido Popular á constitución da Xunta de Goberno. Constitución do goberno metropolitano que non pode nin ser emendada pola vía administrativa nin deslexitimada cando conta co apoio dunha amplísima maioría. Trabúcanse os que demonizan aos seus rivais políticos, como sucede coa figura do alcalde de Vigo e presidente da AMV, a quen os membros do PP fan responsable de todos os males, e ao mesmo tempo expresan a súa vontade de reconducir un proxecto estratéxico, como o da AMV. Tempo haberá para a confrontación electoral dos proxectos municipais de cada unha das forzas políticas.

Non teño dúbida que tal como sucederon os feitos o primeiro xesto no desbloqueo do conflito metropolitano de Vigo corresponde expresalo ao Partido Popular, e ao seu primeiro responsable, o presidente Feijoo, asumindo a súa minoría política actual na AMV, abandonando a súa estratexia de confrontación coas alcaldías metropolitanas do PSOE, BNG e En Marea e ofrecendo a colaboración do Goberno Galego no desenvolvemento da área. Como tamén é imprescindible, como xusta contrapartida, que tras a incorporación das alcaldías populares, os diferentes órganos da AMV, dende a súa Xunta de Goberno ás comisións de traballo, sen menoscabo ao respecto dos principios ideolóxicos e políticos de cadaquén, asuman o reto de acadar os máis altos niveis de consenso nas cuestións estratéxicas da AMV e naqueloutras máis vinculadas aos problemas cotiáns dos cidadáns, dende o plan de transporte e mobilidade (dous temas que deben ir da man), pasando pola xestión de servizos de auga, saneamento, seguridade e protección civil, até os relacionados co emprego, os servizos sociais, sanitarios e culturais.

Acometer este desbloqueo supón un exercicio de responsabilidade política por parte de todas as alcaldías e dos representantes dos diversos grupos municipais presentes na Asemblea da AMV. Uns e outros teñen obriga de asumir que os intereses do medio millón de cidadáns da área, e dos cen mil que se poidan incorporar no futuro, están por riba daqueloutros dos seus partidos.

bretemas@gmail.combretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats