Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Tribunal Libre

O CIM de Ponte Caldelas

Menos mal que xa sabemos todos de que pe cosean. Menos mal que todos sabemos que o PP nin estivo nunca, nin está comprometido coa loita pola igualdade das mulleres. Menos mal que todos sabemos que cando un Goberno de España socialista aprobou a Lei de Igualdade no ano 2007 os do PP correron a meter un recurso diante do Tribunal Constitucional. Menos mal que todos sabemos que PP é igual a recortes sociais e a desigualdade.

En Ponte Caldelas, despois da Ditadura franquista, o PP gobernou co pai e co fillo e acabou perdendo a Alcaldía pola súa prepotencia. Agora hai un Goberno de Progreso (si, por moito que vos doia), que está a facer as cousas con sentidiño e a deixarse o pel todos os días traballando polos veciños. Un pacto de amigos, como dixo o noso alcalde, Andrés Díaz, entre o PSdeG-PSOE, AVP e BNG.

Aos do PP dáselles ben o insulto. A secretaria xeral de Igualdade dixo que o alcalde ten "conciencia machista" (aínda non se desculpou) e agora repiten como un disco raiado iso de que só hai unha muller no goberno local, que son eu, e considérome afortunada porque estou arrodeada de persoas comprometidas, xustas e igualitarias. Así que eu podo dicir, alto e claro, que non son a muller de ningún concelleiro de Cotobade á que lle escribiron unha carta para mandar á prensa. Perdoádeme, pero ver ao PP enarbolando a bandeira da igualdade pégame a risa.

A noxenta mentira e a manipulación son as bandeiras do PP. Cando as dúas traballadoras externas do CIM de Ponte Caldelas presentaron unha denuncia xudicial en base á chapuza de 10 anos de contratos irregulares do ex-alcalde (agora ben enchufado en Santiago), xa sabiamos que iamos ter un problema. O fácil era cargar ao Concello con dúas prazas fixas que, cando acaben as subvencións aos CIM (que acabarán) asumiriamos salarialmente. O difícil era tomar unha decisión racional, reestruturando o servizo, e volvendo solicitar subvención para o CIM en 2018, que foi o que fixemos. Mentres tanto, as mulleres non quedaron nin un só día sen servizo. E, por se fora pouco, a nova profesional está moi cualificada, pois atesoura un currículo excelente.

Do que sabe moito o PP é de eliminar subvencións e de escapar das súas responsabilidades, porque os CIM deberían depender directamente da Xunta de Galicia e ser un servizo estable no marco das políticas de violencia de xénero do Goberno galego. Pero existen esas políticas? Tamén son especialistas en manipular agochando que Ponte Caldelas era o Concello máis pequeno en termos de poboación de toda a provincia con CIM propio. E que o razoable é que os servizos sexan sostibles. Sobre todo nun Concello que o PP nos deixou cun burato dun millón de euros de débeda.

Rueda Crespo foi visitar A Lama para meterse con Ponte Caldelas. Falou moito e saudou ás traballadoras dese CIM. Unha delas estivo empadroada coa súa parella na casa do alcalde. A outra é concelleira do PP. Diso non falamos, nonsí? Alí vimos tamén a Cores Tourís (que cando era alcalde de Cambados pechou o CIM). Tamén a Cubela, o pirixel de todas as salsas (que non ten CIM e manda ás mulleres á Lama sen que caia o mundo). A foto era patética. Esperpéntica. Moi masculina.

En fin, que está moi claro que Ponte Caldelas está de moda. Si. E iso ao PP lle obsesiona.

* Concelleira do PSdeG-PSOE en Ponte Caldelas

Compartir el artículo

stats