Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De mouros, mouras e tesouros (III)

Os tesouros

A referencia a tesouros escondidos é unha constante no imaxinario popular universal do que non poden fuxir os castrexos. Pero estes, en concreto, posúen unha función máxico-relixiosa-moralizante para a sociedade que sinala a súa existencia. E tamén serven para manifestarnos outro fenómeno da relixiosidade primitiva: o prestixio das orixes. Por iso, os monumentos antigos convértense en refuxios non só de seres míticos, senón tamén de todos os seus poderes arquetípicos, representados polos tesouros ocultos.

Os tesouros son imaxe do ben limitado, segundo o cal todas as cousas boas para o home existen en cantidades limitadas, sendo insuficientes para todos. Por iso, cando alguén tenta mellorar a súa situación, só pode facelo de dous modos: (1) dentro do segmento de cultura no que vive, a base de diminuír as posibilidade dos seus veciños; (2) fóra del, grazas a un patrón humano ou sobrehumano que facilite medios extraordinarios de mellora a nivel socioeconómico (González Reboredo citando a G. M. Foster, en Leyendas gallegas. Vigo, 2004. Galaxia). De aí que as xentes acudan a explicar por medio da imaxe do tesouro (riqueza extraordinaria), ou da axuda dun mouro (patrón imaxinario), aqueles casos de enriquecemento insólito.

Nas lendas, a miúdo, aparecen gran cantidade de referencias aos tesouros. Soen ser relatos inespecíficos nos que se fai tan só mención ao feito de que os castros posúen riquezas no seu interior. Así, non é difícil atoparse con relatos na memoria popular das aldeas coma o acontecido na parroquia de Goiás (Lalín) alá polos anos 1870/80. Tres mozos de Cotarelo, coñecedores da lenda que falaba de que no interior do castro existía un tesouro, puxéronse a facer un buraco, que daría en mina, na ladeira sueste da citania. Día tras día, no intento de acadar o tesouro e ata case quedaren sen folgos, foron escavando coa única ilusión de facérense ricos. Pero sempre hai xente astuta, tal como foi o caso do veciño Benito García. Este, xa canso de tanto buscar e vendo que nunca atoparía nada, déuselle por gardar de noite un bote cheo de pedras no fondo da mina. Cando ao amencer se dirixiron os tres mozos a seguir coa súa tarefa, Benito, despois de dar algunhas picadas, colleu o bote e axitouno (o ruído que dentro do latón producían as pedras era coma se fosen pedras de ouro) cara os seus socios, dicíndolles: "Eu para min xa teño; vós seguide", botándose a correr polo agro abaixo.

Estas liñas valen perfectamente para ver o interese que había entre os veciños e os coñecedores das lendas de tesouros castrexas por facérense co ouro que lles resolvese a vida. Pero, como case que en todos os casos, o fracaso soe ser a fin dos seus obxectivos.

Outros dos elementos característicos do imaxinario popular castrexo son as minas, veas, trabes e arcas. Relacionadas cos tesouros e as riquezas ocultas, a súa función teórica é a de manter o equilibrio cosmolóxico e moral por sistemas de contraposición. Así atopamos estruturas binarias, ternarias ou cuaternarias, onde o elemento positivo son o ouro e a prata; e os negativos o alcatrán, o xofre, o veleno e o fogo. O elemento negativo, acompañando ao positivo, non deixa de ser unha advertencia do perigo que poden correr aqueles que intentan apoderarse das riquezas.

Os tesouros, e todo o que os rodea, están totalmente mitificados. O ser humano, aínda que é libre, vese dominado por un certo determinismo mitolóxico que o arreda de conseguir o fin pretendido: o facerse rico sen ter que traballar. Os tesouros ocultos, subministradores de equilibrio moral, teñen uns primeiros defensores contra a avaricia do home: os seres mitolóxicos (mouros, mouras, encantos...) como gardiáns de tesouros. Ademais, son estes os que din cómo desencantalos a eles e aos tesouros.

Aínda así, os relatos atópanse inzados de fracasos na procura de tesouros por ignorar algo fundamental: o ritual de desencantamento. Como loitar contra o determinismo mitolóxico? Acudindo a mediadores que lle permitan ao ser humano establecer contacto co mundo que o transcende. Estes soen ser o cura (xa que ten un rol específico de intermediario entre o mundo natural e o sobrenatural, intervindo ás veces en desencantamentos cos seus poderes sacros); unha adiviña, curandeira e/ou meiga; e os libros de desencantamento, especialmente no chamado Libro de San Ciprián (Ciprianillo), que indica o proceso a seguir no desencantamento de tesouros. Segundo este libro, cando os mouros foron expulsados destas terras, levaban a esperanza de volverse establecer aquí máis tarde; por iso deixaron gran parte dos seus tesouros escondidos, temendo que lles fosen saqueados.

Unha boa síntese sobre interacción entre os tesouros ocultos e a actividade humana transmitida oralmente a través das lendas, ofrécenola o profesor Suárez López nun estudo que realizou sobre mouros e tesouros no imaxinario popular asturiano (Os mouros e os seus tesouros no imaxinario popular asturiano. Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular. Lugo, 2012. Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega). Segundo el, as lendas sobre tesouros cumpren unha dobre función: Simbólica, serven para ilustrar un determinado código de conduta, e marcar o límite entre o que está permitido e o que é sancionable. E establecen o carácter inalcanzable da riqueza mediante as actividades produtivas habituais, poñendo toda esperanza no achado dun tesouro oculto.

Pero para conseguir dar cun tesouro, aquel que o procura debe salvar unha serie de inconvenientes. O primeiro consiste en superar a súa propia ignorancia, que o leva a perder a ocasión de facerse rico. Este feito aparece de forma clara naquelas lendas nas que as mouras ou os mouros lles pagan aos homes con carbóns o favor recibido. O ser humano tira con eles nese momento, dándose conta, máis tarde, de que baixo a aparencia do carbón escondíase ouro. Para máis inri, en ocasións faise con ese ouro un personaxe secundario sen ningún tipo de protagonismo no relato lendario.

O segundo inconveniente que ten que superar o home para facerse co tesouro, é a inferioridade de condicións fronte aos representantes do poder instituído (Igrexa, administración...), que se apropian do achado. Existen relatos no que a falta de coñecemento do que un ten entre mans, lévano a consultar con personaxes ilustrados (médico, cura, avogado...) o valor do obxecto que atopou, séndolle finalmente usurpado por aqueles.

Finalmente, tamén existe un compoñente de mala sorte, accidente fatal ou morte repentina, impedíndose así un desenlace feliz co desfrute do tesouro atopado.

Na comarca de Deza levamos recompiladas 114 lendas de tesouros (48 en Lalín, 34 en Vila de Cruces, 17 en Silleda, sete en Agolada e catro en Rodeiro e en Dozón) e 74 de trabes (36 en Lalín, 21 en Silleda, doce en Vila de Cruces, tres en Rodeiro e dúas en Dozón).

Compartir el artículo

stats