Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pé do farelo

Maldade

Cando era neno aprendín que a maldade é algo natural nos homes e non exclusiva dos homes malos. Nós, os meus irmáns máis eu, escoitabamos aos pais, case que sen querer, que tiveramos coidado e escaparamos dos homes que nos puideran ofrecer un caramelo na rúa, porque podían raptarnos e facernos dano. O peor era o home do saco, o sacamantecas, homes malos e cheos de maldade que raptaban e mataban os neniños rindo sádicos, coas súas mans manchadas en sangue.

Cos anos fun aprendendo que é unha tolemia pretender que a maldade tan so mora nos homes malos, os malvados e desalmados, o mesmo que a fame non so tería que ser exclusividade dos famentos, os desfavorecidos, os invisibles esquecidos das nosas vilas que alfombran as esquinas agochadas das rúas, os habitáculos dos caixeiros dos bancos, ou os pasadizos dos escasos cines que aínda non pecharon as súas portas.

Tampouco consideramos a enfermidade como algo que afecte unicamente aos enfermos ou, peor aínda, a morte nin moito menos é exclusiva dos que marcharon, porque todos algún día, nalgún instante pasamos ou pasaremos o mesmo trance. Acaso a morte é un concepto, unha realidade, que por natural tan so afecta e compete aos mortos que repousan máis alá das tapias e muros encalecidos en branco dos cemiterios, a sombra dos cipreses? Máis ben ao contrario, afecta, doe e mete medo a todos nós, aínda que a súa realidade se manifesta e concreta co paso do tempo, malia que algúns digan e pregoen aos catro ventos o seu valor, a súa ausencia de medo a morte, e que se senten preparados para ela. Eu penso, que máis ben tratan de autoafirmarse e convencer aos seus medos, máis nada.

Ao mellor si, podo entender e mesmo admitir que non teñan medo á morte; mais alguén permanece impasible ante o descoñecido? Quen permanece impasible á longa sombra negra da que ninguén escapa, e ninguén regresa? A morte é, máis ben, cousa dos vivos, non dos mortos que xa remataron a súa andaina polas congostras da vida, por iso rompémonos a cabeza unha e mil veces na procura de respostas e explicacións coherentes ante o evidente e absurdo dela; vivimos para morrer.

Quizabes por iso non reparamos neste xeito natural da maldade e consideramos que tan so poden facer mal os malos, sen discernir que hai moitos tipos de mal, e infinidade de cousas que poden ferir, danar e facer mal no corpo e no espírito dos homes, ata o punto de que algunha vez nas nosas grises, monótonas e estúpidamente aburridas existencias, todos nós fomos malos, fixemos mal a alguén.

E se non, o que estea libre de pecado que tire a primeira pedra.

Compartir el artículo

stats