Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Concerto de Nadal

O sábado17 de decembro, con motivo das festas de Nadal, nunha noite con esas temperaturas que acariñan, a Coral Polifónica Estradense xunto coa de Soutomaior, como vén sendo habitual nestas datas, acompañadas pola Banda de Música Municipal, sorprendéronnos cun extraordinario concerto no Teatro Principal ateigado de xente. Diríase que depositaron en cada un dos presentes un bico e unha flor. Foi unha actuación singular, memorable, das mellores que se lle teñen visto a este conxunto, sen que por iso desmerezan outras anteriores. Nada máis desexable que a hora de contido frenesí, de felicidade traída polos deuses, coa que nos agasallaron as 80 persoas actuantes, completamente entregadas á tarefa de concitar emocións múltiples, modulando a beleza. Cun poder de seducción incomparable, foi coma se o tempo se suspendera nun instante de dita.

Nunha orde harmoniosa e equilibrada, coma o mesmo repertorio escollido, catro ringleiras de coro estaban precedidas por tres arcos dianteiros de músicos sentados fronte aos seus instrumentos. Na parte posterior do escenario, á esquerda dun público que os contemplaba e escoitaba con entusiasmo, as cordas de tenores e sopranos, e, á dereita, as de contraltos e baixos. Na parte anterior, tamén á esquerda, tres semiarcos concéntricos compostos de atrás cara adiante por trombonistas de varas, o primeiro, trompas e trompetas o segundo, e clarinetistas o terceiro. Pola outra banda, outros tres de oboes e frautistas, saxofonistas e baixos, e os percusionistas. Fronte deles, de costas aos asistentes, un director con mans que falaban, suxerían, incitaban, matizaban, seducían e ordenaban con vigor e firmeza expresiva. Toda a forza das emocións concentrada nuns acenos que chamaban á arte. Invocábana, acompasando sons e silencios que acariciaban, facendo que nos sentíramos fillos da lúa.

Co soporte de cor duns instrumentos tocados con pericia, fermosas como bonecas de Famosa, cos seus traxes de gala, sopranos e contraltos elevaban as suas voces limpas, brillantes, ben empastadas xunto coas duns tenores e baixos que lles daban corpo, anticipándonos xa o Lobo, que gran turrón, para este Nadal. Cun funiculí que nos arrastraba, un sóngoro cosongo suxerente, de veladas intencións, e un Abba que renacía desde os años sesenta fomos transportados ao recordo duns tempos onde aínda palpitan emocións.

Os editores galegos falaban estes días, reunidos en Compostela, de ler para comprender o mundo. Na Estrada, despois deste concerto de Nadal, podemos falar de escoitar cantar e tocar para sentir a vida. Dí Plinio na sua Historia Natural: Mortalium nemo est felix ( ningún mortal é feliz); pero a felicidade estivo presente no Teatro Principal de A Estrada. Enxergámola. Unha felicidade nacida da beleza que xorde da harmonía concentrada nun tempo que foxe, breve, pero que parece non consumirse, que se detén, como se se volvese eterno. Todo o contrario que dicir: Estás perdendo o tempo, pensando, pensando ? ? Quizás, quizás, quizás.

*Veciño da Estrada que foi membro da Coral Polifónica Estradense.

Compartir el artículo

stats