A noción de preso político é imprecisa, tanto ou máis ca a de terrorista. Producto da política e da arte da guerra de palabras, os presos políticos sempre son os nosos, igual ca os terroristas sempre son os outros. Dóiome do pasamento de Marcos Ana, o rapaz que se fixo home nas cadeas de Franco. Escribo sobre este preso sabendo e sendo consciente do que non se dixo en ocasión da súa morte. E iso é que hoxe hai presos políticos nas cadeas de España. Algúns tamén de longa duración.

Eu orgúllome de ter escrito unha novela sobre a prisión política que pode ser lida como glosa de palabras de Marcos Ana, e cecais sexa ese o meu único mérito. Marcos Ana era, por parte, poeta. Houbo autores que fixeron poesía da súa experiencia carceraria. Europa, en tempos, venerou "Le mie prigione" do revolucionario e patriota italiano Silvio Pellico. Eu tamén teño recorrido a el. No mundo británico hai aínda memoria, sequer en trance de se diluír, dos versos que escribiu no século XVII Richard Lovelace: os muros de pedra non poden facer unha prisión e as barras de ferro non compoñen unha gaiola. Non hai quen aferrolle a espírito ceibe do ser humano.

Díxerao antes Shakespeare para todos e para sempre. Nin torre, nin murallas, nin cubículos asfixiantes, nin grillos ou alxemas de aceiro poden deter a enxurrada do espírito. Humilde e triste até o infinito, Miguel Hernández escribiu na cadea e conseguiu ser nela libre aínda sabendo que nunca vería medrar o seu neniño. Cando un preso sai á rúa sempre sinte unha náusea. Contouno moi ben Marcos Ana. A historia móvese e o preso non segue o movemento dela coma os que están fora da prisión, dominados e dominadores, amos e explotados.

O poeta que acaba de morrer construiu unha vida no interior da cadea e, ao sair dela, sentiu engulo, se cadra horror. O cárcere garda no seu interior unha sociedade que reproduce a escala a sociedade exterior. O preso político sábeo, e sabe que fóra da cadea está o orixinal. Xa non vai ter (o excarcerado) na súa caluga os ollos do xefe de servizo que axexa as galerías desde o centro panóptico. Pro o amo real, fóra, observará todos os pasos que dea. Morreu Marcos Ana antes de que as portas de Grande Prisión se abrisen.