Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O futuro das cidades

As cidades que vivimos xa non caben nos límites dun termo municipal

As cidades que vivimos xa non caben nos límites dun termo municipal. É común que traballemos nun concello, residamos noutro distinto e utilicemos equipamentos radicados nun terceiro. Non é o futuro, é o noso presente. Por iso é necesario transcender os marcos institucionais que temos para poder ofrecer aos nosos veciños e ás nosas veciñas instrumentos útiles para prestar con eficacia os servizos públicos e resolver as necesidades básicas: aquelas que teñen que ver coa mobilidade metropolitana, co ciclo da auga, coa promoción económica, coa creación de emprego, coa xestión integral dos residuos ou coa planificación coherente do territorio, entre outras.

As áreas urbanas son hoxe o principal motor socioeconómico dos territorios nos que se insiren. Esta circunstancia é máis que evidente no noso país. Nas áreas en torno á Coruña e a Vigo reside ao redor dun terzo da poboación de Galicia e prodúcese unha parte moi significativa do noso PIB. A realidade urbana do século XXI non pode ser administrada por trebellos deseñados para o século XIX. Precisamos pensar o noso país a través de institucións flexibles e adaptadas á existencia de realidades plurais, pero interconectadas, que vertebren o territorio urbano e o conecten coas súas contornas inmediatas, de xeito que se faciliten as sinerxías, os escenarios de cooperación e os fluxos económicos e das persoas.

Na construción das áreas metropolitanas todos somos necesarios, sen ningún tipo de exclusión. O deseño e a posta en marcha das institucións que deben rexer as nosas cidades non pode converterse nun campo de batalla partidario. É demasiado o que nos xogamos. Xogámonos estar á altura dos desafíos contemporáneos, poder ofrecer solucións aos problemas demográficos, económicos e de dereitos aos que nos enfrontamos. Isto só o lograremos se as cidades contan con instrumentos que nos permitan actuar con autonomía, como protagonistas dos procesos políticos e económicos que deben servir para que o noso país non volva perder máis unha vez o tren do futuro, empregando toda a potencialidade que as áreas urbanas de Vigo e A Coruña posúen para servir de motor solidario de Galicia, traballando en rede co resto do tecido urbano, tanto do eixo atlántico, como do interior.

Non é o momento de buscar protagonismos, nin de xerar rivalidades de curto alcance. As persoas que estamos á fronte hoxe das institucións locais e autonómicas pasaremos. Que deixemos atrás de nós as sementes para o futuro do noso país depende única e exclusivamente de que traballemos xuntos polo ben común.

*Alcalde da Coruña

Compartir el artículo

stats