Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De mouros, mouras e tesouros (I)

Os mouros

A temática das lendas castrexas é variada. Vai dende a que se refire aos mouros e mouras como habitantes dos castros, habitantes doutros espazos (montes, penedos, fontes...), realizadores de accións de carácter doméstico (fiar, moer gran...), propietarios de dependencias e inmobles domésticos (cociñas, fornos...), construtores dos castros e outros enclaves, posuidores de animais domésticos (cabalos, mulas...), enfrontados a cristiáns, protectores de tesouros, causantes do mal para os homes (morte, feitizos, castigos...), vendedores, adiviños, ourives, ou coidadores dos animais domésticos dos veciños; ata a que fai referencia a enterramentos, tesouros, emprazamentos castrexos, infraestruturas subterráneas e agochadas, encantamentos, trabes, animais (touros, cabalos, cobras, galiñas, pitos...), ou á noite de San Xoán.

Segundo Aparicio Casado, a finalidade dos relatos de mourindade pode sintetizarse nas seguintes funcións: 1) posibilitan a explicación do pasado máis remoto, non asumido como propio pola memoria histórica; 2) permiten atribuírlles calquera suceso, acontecemento ou obra que non pareza -dentro da súa lóxica- de autoría humana; 3) explican ou xustifican os incrementos do patrimonio ou enriquecementos súbitos dos membros da comunidade (a riqueza é atribuída ao achado de tesouros ou ao trato con mouros); e 4) en xeral, permiten definir o alleo (Aparicio Casado, B. : Mouras, serpientes, encantos y otros ensayos. A Coruña, 1999. Ed. O Castro).

Para Rafael Quintía (Mouros e mouras. Na procura de nós mesmos. Os mouros e as mouras: máxicos enigmáticos da mitoloxía popular. Lugo, 2012. Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega), a través do mito dos mouros, o ser humano pode:

-Reafirmar a súa identidade fronte ao alleo (mouros).

-Ordenar o territorio e a paisaxe separando os espazos habitados dos que non son o seu hábitat habitual (mámoas, castros...). É dicir, redefinir o territorio en clave mítica.

-Cubrir o baleiro histórico e dotar de significado a todos aqueles restos do pasado que non se sabe quen os fixo.

-Transmitir unha ideoloxía, uns valores e unhas ideas colectivas propias da sociedade galega, tales como o valor do traballo, que o facerse ricos sen esforzo non está ben visto, que hai que manter a palabra dada, o ser discretos nas relacións sociais e económicas, o guiarse por uns valores cristiáns que nos fan ser xente, e ter tino coa muller que é vítima dos estereotipos da sociedade rural.

-Darse conta da súa pobreza fronte á riqueza dos mouros posta de manifesto nos seus tesouros, na abundancia de alimentos...

-Concienciarse do que lle pode pasar se non segue as normas e a orde establecida: quedar confinada a un mundo soterrado, tal como lle aconteceu á raza dos "predecesores" mouros.

-E, finalmente, gozar dunha cosmovisión que axude a concibir o tempo presente e pasado, así como o espazo.

Sobre a orixe das lendas da mourindade non temos unha data exacta á que poidamos referirnos. Rafael Quintía leva a súa hipotética orixe ata o século XII baseándose nunha cita recollida do Codex Callixtinus no que se fai referencia a tesouros sarracenos, que para este antropólogo non serían outra cousa ca os míticos tesouros dos míticos mouros (Análise estrutural e simbólica do mito da moura. Santiago, 2016. Sotelo Blanco Edicións). A datación da orixe dos relatos lendarios en torno aos mouros non é a nosa pretensión neste traballo. Certo é que existen documentos xa do século XV que fan referencia a mitoloxía dos mouros, das mouras e dos tesouros escondidos. Pero non deixa de ser menos certo, e de maior relevancia, a transmisión oral deses relatos ducias de anos antes de que por primeira vez se recolleran por escrito. A orixe destas lendas, ao igual que acontece cos seres míticos dos que nos falan, escapan á nosa racionalidade e permanecen na dependencia do misterioso. E este elemento de misterio é o que fai que sigamos investigando sobre este máxico mundo.

Que e quen son os mouros? Esta é a gran pregunta. Existe variedade en canto aos personaxes lendarios que poboaron castros, monumentos prehistóricos (mámoas...), e incluso algunhas paraxes destacadas do mundo rural (fontes, penedos...). Entre eles sobresaen os mouros como construtores e habitantes das mámoas e dos castros e de calquera outro monumento que presente algunha particularidade; e os romanos, franceses e carlistas ou fauciosos.

Os mouros das lendas non son auténticos musulmáns, xa que comen carne de porco, beben viño, e incluso as mouras son fermosas louras de pel branca. Máis ben os mouros son asimilados ao outro, ao estraño e ao antigo, converténdose nunha especie de tribo máxica á que se lle atribúen fenómenos supranormais ou lugares que requirían unha explicación polo que toca á historia popular, como os monumentos prehistóricos. Personificando o alleo, serven, por contraposición, para definir o que é propio. Todo aquilo que non é asumido culturalmente polo grupo é mouro e adscríbese á mourindade. De aí que hoxe non se poida aceptar a idea de que detrás dos mouros está o recordo dos habitantes prehistóricos de Galicia. Tal como dicía Vicente Risco, os mouros serían unha creación simbólica dos campesiños galegos que serviría para expresar certas ideas e inquietudes da comunidade rural. Serviríanlle á xente para que esta puidera construír a súa identidade por oposición, por alteridade.

Esta faceta dos mouros (e outros seres sobrenaturais e míticos que poboan os castros) como contrapostos aos homes apréciase nunha serie de trazos fundamentais:

?Viven baixo terra (sobre todo dentro de castros, mámoas, rochas, covas ou minas) e non na superficie, e sempre fóra da aldea. É o que Rafael Quintía denomina como a "parroquia dos mouros", por contraposición á "parroquia da xente".

?Teñen unha actividade fundamentalmente nocturna.

?Non son cristiáns, posuíndo a veces carácteres diabólicos (intentos da Igrexa por eliminar síntomas de paganismo e superstición: construción de templos nas croas dos castros...).

?Empregan diferente lingua (utilización do castelán fronte ao galego dos veciños ao estableceren un diálogo entre eles).

?Son posuidores de grandes riquezas (onde os seus obxectos, ata os da vida cotiá, soen ser de ouro), e gardiáns de tesouros encantados mediante poderes especiais, servindo neste senso de mantedores do equilibrio moral dentro da sociedade na que están inmersos, pois o humano que intenta conseguir as súas riquezas case sempre fracasa (mundo dificilmente conquistable para os humanos).

Pola contra, os humanos caracterízanse por:

?Vivir na superficie e na aldea.

?Ter unha actividade fundamentalmente diúrna.

?Ser cristiáns.

?Utilizar o galego nos seus diálogos.

?Non posuír riquezas nin tesouros, senón ser aspirantes a eles.

?A súa actividade económica baséase na produción agrogandeira.

?Non ter poderes especiais (a non ser que algún mediador -posuidor do Ciprianillo ou coñecedor de rituais de desencantamento- llelos facilite).

Mais, a pesares destas diferenzas entre mouros e humanos, soe darse entre eles unha situación de interdependencia, xeralmente asimétrica, que os fai asemellarse e manter unha relación comunitario-social. Esta vese exemplificada nas seguintes características:

?Aínda que viven baixo terra, nela teñen casas e camiños.

?Precisan alimentarse; por iso lles axudan a criar gando (porcos) aos homes, róubanllelo, ou vánllelo comprar ás feiras, así como viño e outros produtos.

?Realizan actividades propias dos humanos: tecer e coser, moer gran...

Así a todo, o que os mouros leven un estilo de vida distinto do normal na aldea rural (por exemplo, como posuidores de riquezas non agrarias), é algo propio da función social que cumpren este tipo de relatos lendarios: lembrarlle á comunidade campesiña que existen persoas máis ricas e con máis poder que non son da súa clase social.

Na comarca de Deza levamos recompiladas 211 lendas nas que os protagonistas son os mouros: 116 en Lalín, 60 en Silleda, 17 en Vila de Cruces, 10 en Rodeiro e 4 en Agolada e en Dozón.

Compartir el artículo

stats