Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Os evanxeos do riso absoluto

Franco deixou designado quen sería o seu sucesor "a título de rei". Pola súa banda o Departamento de Estado norteamericano tiña atado e ben atado o réxime posfranquista que o Imperio quería para España, polo menos desde o chamado contubernio de Munich. E morreu Franco, co cal se fixo necesaria unha constitución.

Individuos falangistas, democristiáns, socialistas atlatistas, e de outras familias, sentaron cuns eurocomunistas que xa lle ofreceran garantías de acomodamento á CIA, antes cecais da rendición de Gorvachev. O resultado foi un texto constitucional que, entusiasmados, chamaron por aí Carta Magna, sen se decatar de que non hai outra Charta Magna no mundo que non sexa a inglesa.

Celebrou, o réxime vixente, o Día da Constitución e En Maré, e outros, se non sumaron aos fastos. Villares, portavoz de En Maré, dixo que a constitución española non contén o dereito a decidir (antes, dereito de autodeterminación) das nacións e o seu grupo, co BNG, fíxose a unha banda. Máis precisamente, púxose na banda de Lestrobe, con Rosalía de Castro.

O réxime e os seus media andan a falar como se a súa "Charta" fose un evanxeo, que eles están a converter no Evanxeo do Riso Absoluto de Antón Vilar Ponte. Dá a sensación que foi todo o pobo o que respaldou e asumiu no 78 a constitución española; e non. O referéndum constitucional de 1978 non foi aprobado realmente polos galegos, o que sabe moi ben o deputado Villares.

Claro que, naquel ano, en España había presos políticos e a constitución, alén de non recoñecer os dereitos das nacións ibéricas, levaba un punto cuase imperceptíbel que ía favorecer, e favoreceu, a deriva confisional católica de España, alén de impoñer a Monarquía como sistema de Estado. O resultado do referendum en Galicia foi que, despois dunha campaña política moi intensa, houbo case 50% de galegas e galegos que se abstiveron, e 3,97% que votaron NON.

Ou sexa, que non todos os galegos foron o que se di hoxe "constitucionalistas" en 1978 e, sospeito eu, os novos galegos e galegas que non existían daquela ou eran meniños, hoxe aínda poden constituír un corpo máis distanciado do réxime monárquico. Todo indica que o réxime da Segunda Restauración se encontra en crise, de forma moi peculiar en Galicia.

Compartir el artículo

stats