Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

na latitude do deza

Desforestar en Catasós é inadmisible

A Consellería de Medio Ambiente declaraba, por medio do Decreto 76/2000 de 25 de febreiro, a Fraga de Quintela como "Monumento Natural", un espazo de características singulares, que se pode considerar como o centro neurálxico dun gran bosque caducifolio que se extende entre as estradas PO-533 (Lalín-Chantada) e PO-902 (Lalín-O Irixo) abarcando unha lonxitude duns 4,7 quilómetros. Esta gran mancha forestal, cunha superficie arbolada dunhas 170 Ha, ocupa a vertente esqueda do rego de Quintela, desde o seu lugar de nacemento, en Sete Fontes, ata sobrepasar Casas Vellas-Cerredo e, aínda que se pode considerar un espazo ben conservado e protexido polos propietarios, pola contra, resultou duramente agredido por varias actuacións debidas a elementos ou axentes externos.

Entre estas actuacións agresivas, que abriron fendas ou franxas desforestadas en perpendicular, cabe sinalar unhas tres liñas eléctricas (LAT Belesar-Lalín, LMT Lalín-Rodeiro e LMT Lalín-A Cabreira) e a estrada N-525. A estas actuacións promovidas por axentes externos cabe engadir as ocupacións realizadas polos habitantes do contorno, para ampliación dos campos de cultivo, afectando especialmente ao fondo do val en prolongación coas aldeas de Belelle, Celemín, Quintela, Gate, Covas, Regoufe e Enxame, que desforestaron extensivamente a vertente dereita do rego de Quintela, formando unha vasta banda de terreos de uso agrícola. De vez en cando, fronte a estas aldeas practicáronse "avanzadiñas" desforestadas que se adentraron no bosque da vertente oposta, mentres que na vertente esquerda do rego de Quintela as aldeas eran menos numerosas (Antuín, Barrio, Casas Vellas e Cerredo) e actuaron, pola parte alta do bosque, aproveitando os recháns cercanos ás poboacións.

Na actualidade, na vertente esquerda, hai un dominio consolidado do bosque caducifolio que se mantivo vivo polos coidados que lle proporcionou a silvicultura tradicional e esa situación viuse favorecida por dúas circunstancias: a reducción das explotacións agrarias que levaron ao abandono dos prados de ribeira e á aparición de medidas lexislativas a nivel da Comunidade Autónoma e do Concello de Lalín. Así, no PXOM (Plan Xeral de Ordenación Municipal) de 1999 nesta zona, contémplanse dous tipos de solo, o SR-P.3 (Solo Rústico Protección Canles e Ribeiras) e o SR-P.4 (Solo Rústico Protección Forestal).

Se o modelo agrícola tradicional ou de agricultura de autosubsistencia foi capaz de conservar as masas forestais da vertente esquerda do rego de Quintela ¿por que agora se tenta desforestar media Ha de soutos/carballeiras, nunha parcela situada á altura de Celemín, entre Os Chaos e Valiña Cova? Esta pretensión choca contra a tradición agraria, contra a lexislación e normativas establecidas, contra o interese xeral por preservar os bosques, adultera o espazo afectado, introduce cambios inadmisibles na paisaxe, afecta a cursos fluviais de carácter intermitente, forma un rodal ou calva no medio dunha masa forestal, conleva incrementar os procesos de erosión, atópase a tan só 715 metros de distancia do Monumento Natural de Quintela, etc.

En consecuencia, e aplicando os mesmos criterios que se propoñen contra o paso da LAT O Irixo-Lalín, que arrasa soutos cercanos a Casa Vellas, non se pode autorizar a concesión de permiso para desforestar a parcela denominada Zarra Dentro de Portece, situada cerca de Celemín (Catasós).

Compartir el artículo

stats