Suscríbete

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Manuel Bragado.

Campo de Granada

Manuel Bragado

Consolidación do Instituto de Estudos Vigueses

Con case trinta membros, iníciase o que debería ser a etapa de consolidación da entidade...

Hai apenas quince días o Instituto de Estudos Vigueses (IEV) presidido por Xoán Carlos Abad Gallego celebrou o seu vinte e cinco aniversario e hoxe nos dá a benvida a nove novos membros: Beatriz Bruna, Beatriz de San Ildefonso, María Dolores Elena Durán, Jorge Lamas, José Luis Mateo, José Ramón Cabanelas, Antonio Vaamonde e Carlos Núñez. Con case trinta membros, iníciase o que debería ser a etapa de consolidación da entidade creada o 9 de maio de 1991 coa finalidade de recuperar a memoria común da cidade, o que supón tanto esculcar no seu pasado como debater sobre os retos do Vigo futuro.

Tras o empurrón inicial, que supuxo o convenio coa Fundación ProVigo, durante estes cinco lustros o IEV enfrontou adversidades e situacións difíciles, motivadas pola procura dunha sede noble e pola carencia de recursos, o que non lle impediu desenvolver, grazas á colaboración dos seus integrantes e ao apoio do concello, unha coidada liña de publicacións, un cento de libros (algúns auténticas alfaias) e vinte e un números do seu boletín "Glaucopis", onde se recollen máis de 250 artigos, que constitúen hoxe a biblioteca de referencia sobre a historia do Vigo metropolitano.

Labor editorial ao que non foron alleos os esforzos do cronista oficial da cidade, Lalo Vázquez Gil, primeiro secretario e conservador do IEV, e do latinista e especialista na toponimia viguesa Gerardo Sacau, presidente durante unha década. Ambos os dous falecidos, como outros fundadores da entidade: Andrés Martínez-Morás, o primeiro presidente; os xornalistas de Faro de Vigo, Xosé Francisco Armesto Faginas e Manuel de la Fuente; o filatelista Manuel Lago Martínez ou o historiador Hipólito de Saa, aos que lembramos con admiración e gratitude.

Ademais destes traballos sobre arqueoloxía, arquitectura, toponimia, historia, literatura, economía, deporte ou xornalismo, ao longo da súa traxectoria o IEV organizou exposicións, conferencias divulgadoras, así como elaborou propostas coa intención de afondar na memoria e defensa do patrimonio local, desfacendo o mito de que Vigo é unha cidade de aluvión sen historia de seu. Porén, a misión primeira do IEV continúa sendo a investigación e divulgación da historia de Vigo ao longo dos seus catro mil anos de existencia.

Un labor de afondamento histórico esencial nunha cidade metropolitana de memoria fráxil (e ás veces interesadamente esquecedeira) que aínda precisa de doses elevadas de autoestima, tanto para as súas élites políticas, como para o seu tecido empresarial e asociativo. Aínda que semelle paradóxico, sabemos aínda moi pouco de onde vimos. Vigo precisa consolidar un relato rigoroso do seu pasado, alicerzado no emprego das ferramentas das ciencias sociais contemporáneas, abandonando algúns mitos acuñados pola historia romántica do século XIX e abordando as eivas e períodos escuros ou litixiosos do noso pasado. Só así poderá proxectar con lexitimidade e fiabilidade o seu proxecto metropolitano durante este século XXI. O IEV non pode esquecer, tampouco, a súa actividade educativa, asesorando aos centros escolares nos temas relacionados co coñecemento da historia e xeografía local, un traballo didáctico onde se poden desenvolver proxectos e iniciativas moi ilusionantes.

Nesa nova etapa, o IEV debe continuar tendo as súas portas abertas, potenciando sobre todo a súa comunicación dixital e a dixitalización dos seus fondos e arquivos, hoxe unha das súas prioridades, para a que precisa do apoio de todos os poderes públicos, o concello de Vigo, o seu mecenas, pero tamén da Deputación de Pontevedra, da Xunta de Galicia e do Goberno de España. Nesta estratexia de apertura e consolidación, o IEV precisa estreitar a súa colaboración coas redes de Museos e Bibliotecas do concello de Vigo, coa Universidade de Vigo e coa Autoridade Portuaria de Vigo, mais tamén co Círculo de Empresarios e con outras empresas e entidades económicas e culturais privadas.

No marco do funcionamento das entidades de estudos locais, o IEV precisa da colaboración de todas as persoas que traballen en temas que teñan como referencia a área metropolitana (non só en Historia e Ciencias Sociais), converténdose nun espazo de coñecemento colaborativo. O IEV é un deses proxectos de cidade, o da construción da memoria, onde todos estamos convocados a participar.

bretemas@gmail.com

Compartir el artículo

stats