Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

O impostor

O Tartuffe de Molière é unha comedia de intriga e gargallada que satiriza con acidez a impostura da devoción practicada con fins utilitarios. Houbo un Tartufo en galego, que infelizmente eu non poiden ver. O Tartufo a cuxa representación acabamos de asistir no García Barbón soa moi ben na nosa lingua e está dirixido por Carles Alfaro. As actrices e actores, principais e secundarios, destilan unha dicción interpretativa divertente e nobre, o que a min, que non son crítico teatral, me excusa de análises individualizados. Trátase dunha versión libre do Tartuffe que manipula o texto orixinal, o cal tamén fora sometido a refaccións sucesivas polo propio Molière. Coma tal: hai personaxes varóns que se galeguizan como mulleres: non lle fai. Importa, si, a modificación do derradeiro acto. En versión galega, o canalla gaña e ri, en canto o público se indigna. Non é así na obra enxebre de Molière, onde actúa un Príncipe autorizado para modificar a Lei.

Na adaptación galega, ao público quédalle fame de xustiza; mesmo, "fame de lobo e de can". No Molière primixenio, o palerma de Orgon recobra a facenda e Tartufo vai prá cadea. O prospecto só di que a traducción é debida a Loli Ramos e non precisa o nome do adaptador. Certo, a musicalidade, algo repetitiva, do verso alexandrino monorrimo francés non se acha a menos nunha excelente prosa galega na que ás veces chouta a faísca do dito popularista, o cal lle acae un mundo ben a Molière. A forza medievalizante da farsa que desafía a razón clasicista, a crítica feroz do beaterío católico, a moralización preceptiva do sistema cesarista ilustrado, é decer, os elementos básicos de Molière, aos que sumaremos a malicia psicolóxica e un uso soberbio dos recursos cómicos, todo, todo se mantén con excelencia nesta producción do Centro Dramático Galego.

Merci ás actrices e actores, á tradutora, ao director de escena e a toda a equipa. Por esta obra houbo quen en Francia pediu a fogueira para Molière; nós pedimos para a súa versión galega múltiples e calurosas ovacións.

Compartir el artículo

stats