Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Catedrático de Física e Química e director do Centro de Formación e Recursos de Ferrol

No que a PISA se refire, ben

Cada tres anos o informe PISA introdúcese no debate educativo. Curiosamente, nun mundo repleto de exames e cualificacións, bótase en falta nos debates e nas reflexións sobre a educación instrumentos deste tipo, no que a súa relevancia radica no seu rigor cuantitativo que permite realizar comparacións entre os diferentes sistemas. Circunstancia esta de especial importancia en España cun sistema educativo que semella ser refractario ás medidas externas do funcionamento do mesmo.

É certo que a educación non acaba na comprensión lectora, a competencia matemática e a competencia científica, pero non o é menos que son tres produtos educativos relevantes e dispoñer dunha ferramenta que nos proporciona unha ponderación dos mesmos é de agradecer. Non parece sensato rexeitar a medida dunha parte por non ser a medida da totalidade. Dito quede, por tanto, que PISA mide o que mide e non mide o que non mide.

Con independencia do anterior non debe resultar difícil aceptar que os resultados da proba do 2015, recentemente coñecidos, colocan aos estudantes galegos entre os que obteñen mellores resultados en España e na OCDE, o valor medio obtido está 36 puntos por encima da media da OCDE, o que se corresponde con máis dun curso académico de diferenza, e 14 por encima da media española. Recoñezamos que obter mellores resultados que Noruega, Dinamarca, Polonia, Bélxica, Reino Unido, Suecia, Francia, Austria, Estados Unidos? non deixa de ser satisfactorio. Son por tanto uns resultados que merecen o ben que lles outorga o título deste artigo.

A comparativa dentro de España é tamén alentadora; a 4ª posición tras Castilla e León, Navarra e Madrid. Cara ao futuro resulta esperanzador comprobar que Galicia é unha das tres comunidades autonómicas, con Cataluña e Navarra, que non diminuíu ningún índice PISA respecto dos obtidos en 2006. Hai, con todo, moita marxe de mellora.

É, por tanto, necesario identificar as claves para continuar mellorando. Sen dúbida serán moitas. A económica non parece ser a determinante. Por exemplo Galicia, en datos de 2012, é a cuarta comunidade que máis inviste por alumno, 6.527 euros lonxe dos 9.143 euros do País Vasco. Sen embargo, os nosos resultados son superiores en 16 puntos aos do País Vasco. Outro parámetro relevante: o nivel educativo dos pais e nais tampouco explica os resultados. O 23% dos proxenitores en Galicia teñen un nivel educativo baixo ou moi baixo fronte ao 13% no País Vasco, 16% en Cantabria...

Non parece necesario facer ningún estudo profundo para concluír que o profesorado, para ben e para mal, é un dos parámetros determinantes, seguramente o máis importante, dos resultados dos seus alumnos e alumnas. É o esforzo do profesorado e a súa mellor formación a que optimiza o sistema educativo.

Galicia modificou no ano 2010 a súa estrutura de formación do profesorado -un ano despois que Castela e León, a comunidade con mellores resultados de España- coa creación do Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), e a reestruturación dos Centros de Formación e Recursos (CFR). E, entre outras accións, apostou polos plans de formación nos propios centros (PFPP) como elemento central das actividades de formación.

Durante o curso 2015-2016 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organizou, a través das súas estruturas de formación, 2.200 actividades formativas, nas que participaron 19.232 docentes (o 60% do total).

Neste curso máis de 400 centros desenvolven un PFPP, esta modalidade formativa, na que o propio centro organiza un plan formativo "a carta" para un período de dous ou tres anos, é a que mellores resultados dá por tratarse dunha demanda directa do profesorado no seu propio centro. No transcurso destes anos a formación solicitada polo profesorado estivo moi relacionada coa innovación educativa e a implantación de metodoloxías máis activas, así podemos mencionar: a integración das competencias no currículo, as comunidades de aprendizaxe ou a formación para o traballo por proxectos, punto no que destaca o traballo realizado desde as bibliotecas a partir do PLAMBE, así como formación para a función directiva, atención á diversidade, convivencia escolar, mediación...

As TIC e a súa aplicación ao ensino recibiron un gran impulso a partir do proxecto Abalar e, na actualidade, estanse a impulsar formación en competencias STEM (ciencia-tecnoloxía-enxeñería-matemáticas) concretamente sobre robótica, programación e uso de impresoras 3D. Son testemuña do interese que suscitou esta iniciativa nun recente congreso celebrado en Cardiff entre as autoridades educativas de diferentes países europeos.

É preciso continuar o labor realizado para apoiar ao profesorado na súa formación elaborando unha oferta completa orientada ao desenvolvemento das competencias profesionais. Se o logramos, seguro que se traducirá nunha mellora na formación dos nosos alumnos e alumnas que lles permitirá ter unha vida máis plena e con maior éxito persoal. Ademais continuaremos aumentando a nosa puntuación en PISA que, aínda que menos importante, non deixa de causar certo nivel de satisfacción. Ou non?

Compartir el artículo

stats