Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

na latitude do deza

Obxectivo: conservar os 20.000 habitantes

O concello de Lalín nestes últimos anos vive unha situación de "estrés poboacional" que non tivo precedentes no pasado porque, desde que se coñecen datos estatísticos da súa poboación, esta non fixo máis que medrar a ritmos de diferente aceleración ata sobrepasar os 20.000 habitantes, acadando unha categoría municipal de rango alto e destacando como concello director da comarca de Deza.

No ano 2009, segundo datos do IGE (Instituto Galego de Estatística), a poboación do concello de Lalín era 21.254 habitantes, o máximo histórico, aínda que o "saldo vexetativo ou crecemento natural", é dicir, a diferencia entre o número de nacidos e mortos por ano, presentara valores negativos desde 1990. Ante esta circunstancia cabe que fagamos a seguinte pregunta: ¿como pode aumentar a poboación dun concello se o crecemento natural é negativo? Loxicamente, a resposta témola na inmigración e no retorno de emigrantes, procedentes de estranxeiro ou doutras comunidades do Estado, que fan que o denominado "crecemento real da poboación" (a diferencia entre o crecemento natural e o saldo migratorio) sexa positivo.

Naquela situación de euforia triunfal estaba tendo lugar un boom urbanístico de tendencia suicida e unha desmedida pretensión tendente a transformar a Vila de Lalín na oitava cidade de Galicia, segundo se difundía a partires do costoso eslogan do Lalín-KM0 (quilómetro cero). O artificioso crecemento económico de Lalín, impulsado polo poder político, foi un dos motores do aumento da poboación, pero ese motor quedou paralizado coa crise económica e a poboación sufriu os efectos inmediatos.

Cando o aumento dunha poboación non se debe a un "crecemento natural positivo" poden producirse situacións de perdas rápidas dos efectivos demográficos como está a suceder, na actualidade, a un ritmo alarmante. Hoxendía, por moitas campañas que se fagan desde a administración, en base a principios éticos e sociolóxicos, non é posible manter neste concello unha poboación por encima dos 20.000 habitantes. A perda de categoría municipal que ameaza a Lalín é unha realidade inmediata, que non se pode solucionar con campañas dirixidas ao incremento da natalidade, nin con campañas pedindo o empadroamento de inmigrantes ou de persoas censadas en concellos limítrofes e residentes neste. Nin unha caravana multitudinaria ao estilo das películas americanas que percorra África de Sur a Norte ou Sudamérica, demandando habitantes para Lalín, nos pode salvar de perder a categoría de concello de máis de 20.000 habitantes.

Ao meu entender só hai unha posibilidade para a consecución dese fin aínda que moi complicada e laboriosa, como podería ser o intento de integrar ou fusionar os concellos de Lalín e Dozón, por seren os que teñen maiores posibilidades e afinidades dentro da Comarca de Deza. Os dous concellos sairían notoriamente beneficiados: O de Lalín conservaría a categoría dos 20.000 habitantes e o de Dozón acadaría tal categoría. Desde o punto de vista económico sairían beneficiados ámbolos dous e iso repercutiría en beneficios sociais para os seus habitantes.

Segundo os datos actualmente coñecidos, a poboación conxunta Lalín-Dozón acadaría os 21.179 habitantes e a nova unidade territorial abarcaría unha superficie de 400 quilómetros cadrados. Esta proposta conleva moitas dificultades, require estudos de análise profundos e, dentro da dinámica actual da poboación, tampouco presenta un percorrido de gran alcance, pero a día de hoxe sería a solución máis efectiva e beneficiosa para todos.

Compartir el artículo

stats